PARQUES E XARDÍNS

Nova área de xogos para o parque da Alameda

30/09/2008 O Goberno local adxudicou provisionalmente o subministro e instalación de equipamento para a área de xogos do parque da Alameda, por importe de 117.823 euros. Esta zona, que estará valada, contará con tres áreas de xogos segundo as idades e terá un circuíto biosaudable.

Unha área do parque destinarase a rapaces entre 4 e 12 anos, cun xogo combinado de varias actividades, unha randeeira de cesta e dous xogos de resorte. Outra área estará especialmente dedicada a nenos de 2 a 8 anos e basearase nun multixogo de varias actividades e dous xogos de resorte. Unha terceira área, para nenos de 2 a 6 anos, contará cunha randeeira de dúas prazas e dous xogos de resorte. O chan das tres zonas é continuo de caucho. Haberá carteis de información xeral e de idades de uso.

Outra das novidades deste novo parque é un circuíto ao aire libre, con elementos que permitan reunir a grupos, dende adolescentes ata persoas maiores, para realizar exercicios, socializar e divertirse grazas a unha actividade saudable.

O recinto do parque estará protexido doutros usos que puideran deixar residuos perigosos, tal como o botellón. Por iso, a zona estará pechada por varios tipos de valos. Na área do circuíto os valos serán de postes de madeira e cables de aceiro no interior do seto, mentres que na área infantil utilizaranse valos con rede metálica plastificada de 100 centímetros de altura. O valo con portas fixas empregarase nos dous accesos do paseo, mentres que os valos de quita e pon son o sistema elixido para a conda de acceso dende a avenida da Coruña, nos extremos do paseo dos Leóns e no acceso dende o paseo a Santa Susana. A zona terá bancos de madeira e papeleiras.

Compartir: