ALCALDÍA

Sánchez Bugallo: "Os orzamentos do Estado manteñen todos os compromisos con Santiago"

30/09/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, analizou os orzamentos do Estado, que vén de presentar o Goberno español, e valorou o feito de que "se manteñen todos os compromisos con Santiago". Non obstante, lamentou que se alonguen os prazos previstos para algúns proxectos como a terminal de Lavacolla ou a redución da achega do Estado ao Consorcio de Santiago.

Sánchez Bugallo mostrouse satisfeito porque se manteñan compromisos como o do tramo do AVE entre Santiago e Ourense, con máis de 500 millóns de euros, o convenio de travesías, a nova depuradora, a novidade do Instituto de Cidades Patrimonio Mundial ou a obra da Terminal de Lavacolla. Máis crítico amosouse respecto aos prazos desta última actuación, cuxo remate se sitúa agora no horizonte do 2012.

Sobre este alongamento dos prazos, o rexedor municipal expresou a súa preocupación, se ben indicou que "se farán xestións para intentar mellorar esta situación no trámite parlamentario", e neste sentido manterá conversas coa Xunta e cos deputados galegos.

En calquera caso, si se manteñen os compromisos orzamentarios coa nova terminal, cun investimento previsto de 210 millóns de euros, dos que máis de 80 está previsto executalos no que queda de 2008 e 2009. Ademais, as actuacións do Goberno español no aeroporto compostelán inclúen outras obras diversas.

Redución da achega para o Consorcio
O outro aspecto negativo destacado por Sánchez Bugallo é a minoración nun 50% da achega do Estado para o Consorcio, que pasará dos máis de 12 millóns de euros presupostados ata agora a pouco máis de 6 millóns. "Traballaremos coa hipótese de poder recuperar esa dotación, pero se non se logra, elaboraremos un novo calendario de obras, porque nese caso non se podería realizar o programa 2007-2010 previsto", apuntou.

Con esta redución prevista, o orzamento do Consorcio pasaría dos 20 aos 14 millóns de euros, xa que, segundo indicou o alcalde, traballan coa hipótese de que a Xunta manteña a súa achega.

O alcalde valorou estes orzamentos "austeros" no actual escenario económico e de previsión de menores ingresos, que obrigará a "sacrificios importantes". Así, referíndose a Santiago, subliñou que "teremos que pensar se se fan determinadas cousas ou non e, noutros casos, alongar os prazos".

Compartir: