URBANISMO

Santiago pecha en Cracovia a primeira fase dun programa europeo de vivenda social

29/09/2008 A delegación encabezada pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, reunirase o martes 30 en Siemianowice Slaskie (Polonia) con todos os membros do proxecto do URBACT, SUITE The Housing Project. A vivenda: un factor para a inclusión social e urbana e para a calidade de vida nas cidades, do que é xefe de fila.

O obxectivo desta reunión é aprobar definitivamente os documentos da candidatura oficial. A xuntanza será completada con dúas visitas a actuacións en materia de vivenda social, en Cracovia e Siemianowice Slaskie, nas que os líderes do proxecto SUITE poderán comprobar in situ as políticas sobre vivenda social desenvolvidas nestas dúas cidades polacas.

Aínda que Cracovia, como segunda cidade de Polonia, supera as dimensións de Compostela, a súa situación urbanística é moi semellante. Trátase dunha cidade Patrimonio da Humanidade, cun casco histórico excelentemente conservado e que soporta unha presión turística que en 2007 acadou os oito millóns de visitantes. Estas semellanzas fan que os integrantes do programa vexan moitas posibilidades de que ambas cidades intercambien experiencias para enfrontar os retos futuros.

Primeira e segunda fase
Con esta reunión, péchase a primeira fase do proxecto, na que se logrou formar un partenariado composto finalmente por once cidades: Santiago, Albacete, Rennes, Cracovia, Tallinn, Newcastle, Hamburgo, Nantes, Medway, Siemianowice Slaskie e a cidade rumana de Iasi. Ademais hai unha bolsa de posibles cidades colaboradoras para experiencias concretas como Helsinki, que participará en temas de eficiencia enerxética. Tamén se creou unha rede de intercambio de coñecemento para a temática de vivenda social composta polos diferentes grupos de apoio local de cada cidade.

O grupo de Santiago xa empezou a traballar no proxecto en colaboración coa investigadora do Instituto de Investigación de Urbanismo de Viena, a arquitecta Heidrun Feigelfeld, deseñando accións e proporcionando información para cumprimentar a solicitude final de candidatura. O grupo de apoio local de Compostela está elaborando un estudio de partida da situación da cidade que se presentará en Montpellier (Francia) o 30 de novembro durante a Conferencia Anual del programa URBACT.

A segunda fase, de aprobarse pola UE, dará comezo o 25 de novembro deste ano e durará ata abril de 2011, datas nas que se fará o peche do proxecto en Santiago coa presentación dos Plans de Acción Locais que deberán desenvolver cada unha das cidades socias do proxecto polos seus responsables políticos. O principal desafío deste programa é implementar políticas que garantan vivendas non so asequibles, senón tamén de boa calidade e sostibles, de cara a promover a inclusión social da poboación e a integración urbana dos barrios nas cidades.

O 6 de outubro a concelleira de Urbanismo presentaralle o proxecto a José Colino Sueiras, director xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios da Consellería de Economía da Xunta de Galicia, co obxectivo de ter á súa dirección xeral como Autoridade de Xestión invitada a colaborar co proxecto. Esta colaboración promóvese desde URBACT para lograr un intercambio real e un feedback dos xestores dos fondos coas cidades que están a cargo dos proxectos.

Compartir: