MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

Importante redución do número de denuncias por incumprimento dos horarios de peche

29/09/2008 Ata o 31 de agosto, a Policía Local ten presentado 50 denuncias por incumprimento dos horarios de peche nos locais nocturnos, fronte ás 198 denuncias presentadas ao longo de 2007. Destas 50 denuncias, 12 eran de locais do casco histórico, fronte ás 32 do total do ano anterior.

Estes datos foron presentados pola concelleira de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, quen amosou a súa satisfacción por estes datos. "Todos nos alegramos destas cifras, que revelan un avance na convivencia dos dereitos dos mozos a divertirse co dereito a descansar dos veciños", apuntou.

A concelleira destacou o "extraordinario traballo" da Policía Local, que é a encargada de formular estas denuncias, que son trasladadas á Dirección Xeral de Interior, dependente da Consellería da Presidencia.

9.124 vehículos retirados pola grúa
Álvarez-Santullano aproveitou a súa comparecencia para ofrecer tamén datos doutras áreas do seu departamento. Así, ata 25 de setembro, a grúa tiña retirado 9.124 vehículos, fronte aos 12.460 do total de 2007. En canto ás causas da retirada, a primeira segue a ser o estacionamento en zonas de carga e descarga (27,06%), seguida do estacionamento nas beirarrúas (15,02%), da situación en carrís de circulación (14,99%), da situación en lugares prohibidos (9,29%) e do estacionamento nas paradas do autobús (8,66%).

Outro dato ofrecido é o dos controis de acoholemia. Ata agosto realizáranse 2.235, dos que deron positivo e foron sancionados administrativamente 107 condutores. Outros 31 foron denunciados por infracción penal, mentres que unicamente un condutor se negou a realizar a proba.

A concelleira anunciou que no último cuatrimestre de 2008 se realizarán diversas campañas no marco de programas postos en marcha pola Dirección Xeral de Tráfico. Trátase de campañas e controis relativos ao uso do móbil, á alcoholemia, ao transporte de mercadorías e ao transporte escolar.

Compartir: