PROMOCIÓN ECONÓMICA

A Asociación Cadabullo visita as instalacións de Promoción Económica

29/08/2008 A Asociación ourensá Cadabullo, dedicada á promoción Social de persoas con dificultade de Patoloxía Dual Psíquica, visitou as instalacións da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. O obxectivo da visita era coñecer os proxectos de intermediación e inserción laboral que desenvolve o departamento, os recursos físicos cos que conta e os servizos que presta á cidadanía.

O percorrido comezou ás 11:00 horas, coa visita á oficina que a Concellaría de Promoción Económica e Emprego ten na rúa do Hórreo, 100, onde se realizaron dúas presentacións: unha sobre a actividade da oficina en materia de intermediación e inserción laboral, e outra sobre o funcionamento do Servizo de Orientación e Inserción Laboral. Nestas instalacións localízase o Servizo de atención ao público da Bolsa de Emprego que xestiona a Concellaría de Promoción Económica e Emprego. Durante os sete primeiros meses do ano atendeu 7.011 consultas.

Nas oficinas da rúa Hórreo tamén se desenvolve o Proxecto Crear. O seu obxectivo é que accedan ao mercado laboral persoas con especiais dificultades de inserción ou reinserción. A última edición do programa, o Crear IV, que comezou en xuño do 2007 e rematou en abril do 2008, posibilitou a inserción laboral de 114 das 200 persoas participantes, o que representa o 57% do total. 70 eran mulleres e 44 homes.

A continuación visitaron as instalacións da rúa Pérez Constanti, 4, co obxectivo de coñecer os proxectos de formación en novos xacementos de emprego da Concellaría de Promoción Económica. Nestas instalacións desenvólvese o Proxecto Persoa, que ten como finalidade promover a integración laboral de persoas desempregadas a través da súa participación nun proceso integral de inserción (formación, prácticas en empresas e apoio á colocación) en ocupacións con gran demandan laboral. 103 persoas (97 mulleres e 6 homes) das 105 que participaron no Persoa III accederon ao mercado laboral a través de contratos de diferente duración. Esta cifra representa o 98% do total.

A visita rematou na planta de compostaxe Compostela Inserta. Este programa ten como obxectivo facilitar o acceso ao mercado laboral de colectivos de difícil inserción. Nestas instalacións estanse formando 12 persoas en materias relacionadas coa compostaxe, unha área considerada novo xacemento de emprego. As persoas membros da Asociación Cadabullo puideron coñecer o sistema utilizado para a conversión de materiais orgánicos de orixe vexetal procedentes de parques e xardíns de Santiago en compost.

Cadabullo constituíuse formalmente en outubro do 2006 a iniciativa de profesionais e familiares de persoas que presentan unha patoloxía dual psíquica, aínda que o traballo da súa equipa técnica comeza no 2004. Dende entón levan atendidas preto de 100 persoas. Entre os seus obxectivos está ofrecer apoio e asesoramento a persoas con patoloxía dual e ás familias, fomentar a súa mellora na autonomía e na integración social, e cooperar con outras institucións para conseguir obxectivos comúns que permitan mellorar a súa calidade de vida.

Compartir: