ALCALDÍA

Santiago estará presente na Bienal de Arquitectura de Venecia a través de sete obras de Víctor López Cotelo

29/08/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañará ao arquitecto Víctor López Cotelo e ao promotor José Otero Pombo, na apertura da Bienal de Arquitectura de Venecia. Alí estará representada Santiago a través de sete obras do devandito arquitecto, seleccionadas polo Ministerio de Vivenda para participar na sección "Nomes, lugares".

Segundo indicou Sánchez Bugallo, na sección "Nomes, lugares" están incluídos seis grupos de recoñecidos arquitectos, xa consolidados e con obras executadas. Dentro deste grupo de escollidos estará Víctor López Cotelo e as súas sete obras en Santiago estarán exportas no Pavillón de España na Bienal. "O que máis lles chamou a atención aos comisarios foi a forma destas obras de conectar co seu contorno, que este arquitecto tivera tantas obras en Santiago e a coincidencia entre cidade, arquitecto e promotor".

O alcalde quixo expresar o seu agradecemento pola elección á ministra de Vivenda, Beatriz Corredor, aos comisarios, ao arquitecto e ao promotor, José Otero Pombo, pola súa "aposta pola calidade". Precisamente este último declarouse satisfeito por unha elección que premia "o esforzo dalgúns en facer o mellor posible" no ámbito do urbanismo.

Pola súa parte, Víctor López Cotelo, recordou a súa visón da arquitectura, plasmada nas sete obras escollidas, e baseada en "aproveitar a potencialidade do lugar para poñelo en valor". Para el, estas obras plasman "unha forma de ver o mundo e Santiago é o lugar máis indicado para poñer en práctica esta idea". Trátase, en definitiva, de facer que "cada vivenda sexa parte da cidade".

Ademais da sección "Nomes, lugares", a Bienal, que se celebrará entre o 14 de setembro e o 23 de novembro, terá un apartado denominado "Arquitectos sen papel", con presenza de arquitectos máis novos e con obras proxectadas pero aínda non executadas. Nesta mostra de arquitectura da cidade italiana participarán 67 países.

Compartir: