TURISMO E CULTURA

A actuación do DJ inglés Ollie Teeba na praza da Quintana pecha Curtocircuíto na Rúa

27/08/2008 Curtocircuíto na Rúa despide o verán cun concerto na praza da Quintana. Durante os meses de xullo e agosto, o Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto, organizado pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo e pola Concellaría de Cultura, levou as mellores curtas galegas e mundiais ás rúas de Compostela.

O último xoves de agosto, Curtocircuíto na Rúa presenta un espectáculo de música e imaxe na praza da Quintana. O grupo galego Telémaco comezará a poñer música na V edición de Curtocircuíto ás 22:00 horas. Tras eles, o DJ británico Ollie Teeba (fundador do grupo The Herbaliser, do selo Ninja Tune) unirase aos VJs D-RNDM para ofrecer unha sesión de videocreación en directo.

Esta será a única oportunidade de ver ao DJ inglés Ollie Teeba en España este ano. A entrada para o espectáculo será gratuíta.

Esta pon o punto final ao verán de Curtocircuíto. O Festival celebrará a súa Semana Oficial entre o 17 e o 24 de outubro. Novas curtametraxes, máis música, exposicións, obradoiros e moitas outras actividades relacionadas co cinema de curta duración volverán a Santiago no mes de outubro.

Toda a información sobre o concerto e sobre as demais actividades de Curtocircuíto pode atoparse na web do festival www.curtocircuito.org. Para máis información sobre Ollie Teeba e The Herbaliser pódese consultar a súa web oficial www.herbaliser.com.

Compartir: