PLENO

Aprobado definitivamente o orzamento municipal para 2008

31/07/2008 Cos votos favorables do Grupo de Goberno e o negativo do PP, quedou aprobado definitivamente o orzamento municipal para 2008, unha vez estudadas e rexeitadas as alegacións formuladas polo grupo popular e, en materia de cadro de persoal, polas distintas formacións sindicais.

O concelleiro de Facenda e Orzamentos, Andrés Fariña explicou os motivos do rexeitamento das alegacións a un orzamento que prevé uns ingresos de 114.527.021 euros e uns gastos 114.196.267 euros, cun superávit inicial de 330.753 euros. En palabras de Fariña, este é un orzamento con "equilibrio social e territorial".

Banco de España
O Pleno aprobou tamén definitivamente a modificación puntual do Plan Especial da Cidade Histórica no inmoble do antigo Banco de España, na Praza das Praterías. Cómpre lembrar que neste edificio construirase o Museo da Cidade, grazas a un proxecto de remodelación que corre a cargo do arquitecto Manuel Gallego Jorreto.

A modificación pretende adaptar a ordenación ao novo uso previsto, inegrando o patio axardinando dentro do edificio. Así, prodúcense cambios en dous planos de cualificación e de alzados, que melloran a funcionalidade e permiten rehabilitar a traza orixinal das edificacións preexistentes.

Regulamento da Casa das Asociacións de Benestar Social
Finalmente, déuselle o visto bo inicial ao Regulamento do funcionamento da Casa das Asociacións de Benestar Social. O documento establece os requisitos a cumprir polas asociacións usuarias do centro, as normas de utilización das instalacións e servizos dispoñibles e as actividade e programas previstas con carácter xeral. Cómpre lembrar que a Casa das Asociacións de Benestar Social contará con despachos para o persoal municipal, para as asociacións e entidades usuarias e para a atención ao público; salón de actos, biblioteca, salas de traballo, obradoiros e xuntanzas, salas de terapias e ximnasio.

En canto á organización, a Casa contará cun director e cunha comisión de coordinación integrada por representantes municipais, do Consello Municipal de Benestar Social, das asociacións usuarias, e de institucións ou organismos colaboradores de recoñecido prestixio no ámbito social. Tamén se crearán comisións de traballo cando así sexa necesario.

Mocións
Finalmente, o Pleno municipal aprobou por unanimidade dúas mocións. A primeria, presentada polo BNG avoga por rexeitar a proposta de directiva comunitaria para fixar a xornada laboral máxima nas 65 horas, fronte as 48 actuais, e por instar á Xunta para que á súa vez demande do Goberno español o posicionamento claramente contrario a esta directiva.

A segunda moción, presentada polo PP, solicitaba o recoñecemento ás vítimas do terrorismo, coa dedicación de rúas ou prazas a Manuel Vázquez Cacharrón, Pedro Cabezas González, Constantino Limia Nogueira e Ricardo Couso del Río. Tamén se acordou que nos actos de colocación das placas que lle den nome ás rúas se celebre unha homenaxe de recoñecemento coa participación da sociedade civil.

Compartir: