MEDIO AMBIENTE E CULTURA

O programa "Vive o verán" contabiliza máis de 1.200 participantes no mes de xullo

30/07/2008 No Parque de Galeras, a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García, e a de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, fixeron un balance de como se está a desenvolver o programa de actividades ao aire libre do Concello de Santiago Vive o verán. Tamén presentaron os contidos e actividades que se reservaron para agosto e que están a ser coordinadas entre Rede de Centros Socioculturais e o departamento de Medio Ambiente.

En palabras de Socorro García, "neste mes de xullo existiu un grande interese cidadán e unha boa acollida do programa, estamos satisfeitos sobre todo porque é unha novidade, mais queremos que Vive o verán teña unha maior difusión e participación". Tamén salientou que "a colaboración e o traballo coordenado entre diferentes departamentos enriquece mutuamente e mellora a oferta". Nesta caso ademais trátase dun programa transversal entre concellarías que ofrece unha oferta lúdica alternativa adaptada á época estival nun programa visualmente compactado.

A concelleira de Cultura engadiu que "é importante visibilizar nas rúas e parques as dinámicas de programación propias da rede sociocultural" porque isto "permítenos difundir o modelo de intervención sociocultural e do traballo con persoas que se desenvolve diariamente nos nosos equipamentos durante o ano. Trátase dunha saída dos Centros Socioculturais á rúa que terá continuidade no futuro".

Con iniciativas como Vive o verán os Centros Socioculturais e Medio Ambiente de Santiago queren reforzar a idea de que Compostela é un espazo urbano, natural e vivo. Trátase dunha posta en valor das posibilidades que ten actualmente a cidade, tal é como manifestou Socorro García: "todo o mundo ten claro a idea de Compostela capital cultural, mais queremos transmitir a imaxe de Compostela capital natural"

Boas cifras
Pola súa parte, Elvira Cienfuegos incidiu en que "as propostas de Vive o verán traducense nunha oferta de actividades múltiple e variada: tai chi, ximnasia terapéutica e coreografiada, visitas culturais guiadas, roteiros urbanos, visitas aos ríos e parques de Compostela", ao que engadiu "hai actividades que están sendo abertas ao público e que non precisan de inscrición previa, mais tamén hai outras que precisan desa inscrición previa para poder ofrecer un mellor servizo". A concelleira do Medio Ambiente quixo insistir en que "téntase favorecer a flexibilidade nos horarios e na oferta, que existan diferentes oportunidades para acceder ás actividades: nós amoldámonos á cidadanía e non ao revés".

Xa entrando nas cifras de participación, Elvira Cienfuegos indicou que " unhas 1.200 persoas teñen participado nas diferentes actividades desenvolvidas ata agora. Realizáronse xa 2 roteiros polos ríos, con máis de 60 participantes; 3 visitas a parques por semana; 4 obradoiros medioambientais; 3 visitas culturais, 5 sesións de xogos nos parques; 2 filmes ao aire libre e o campamento Xogandoando tivo 23 nenos e nenas apontados". Tamén destacou que "a Bibliopiscina está funcionando moi ben, con case 900 prestamos xa, e que o curso de tai-chi ten 79 persoas anotadas e hai outras 61 anotadas no de ximnasía terapeutica".

Todas estas actividades continúan en agosto, con contidos a destacar coma os obradoiros medioambientais dos seguintes 4 mércores para coñecer mellor a Alameda, o cinema ao aire libre, as visitas ao MUPEGA e a Fundación Eugenio Granell e os roterios polos ríos Sarela, Sar e Corvo, así como aos parques de Santiago. Para finalizar a programación cunha gran romaría popular, que se fará no Local Social de Marantes o 27 de setembro.

Vindeiras edicións
Concluíndo a rolda de prensa, Socorro García tomou novamente a palabra para indicar que "despois da boa acollida que estamos a percibir pensamos que estamos no camiño e por iso pretendemos dar unha continuidade ao programa e para o ano próximo queremos presentar un Vive o verán aínda máis ambicioso".

Tamén engadiu que "tentaremos ampliar os contidos, así como ampliar a faixa horaria, para poder favorecer que os públicos que non acoden de mañá ás actividades o poidan facer na tarde-noite" e "tomaremos boa nota de todas as suxestións e propostas que se recolleron ata agora para poder adaptar a nosa oferta de actividades estivais ás necesidades expresas polos usuarios das mesmas".

No programa tamén participan a Concellaría de Rehabilitación e Cidade Histórica, a Concellaría de Promoción Económica e Turismo e a Deputación da Coruña.

Compartir: