COMERCIO

Os comerciantes teñen de prazo ata o 7 de xullo para inscribirse na edición de verán de Escaparatismo

30/06/2008 A Xunta de Goberno aprobou as bases do V Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping 2008, organizado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Ábrese así o prazo de inscrición na tempada de Verán do Certame, que remata o luns, 7 de xullo.

Os premios para os gañadores consisten en investimentos en promocións publicitarias a nivel local por valor de 3.450 euros para o primeiro clasificado, de 2.000 euros para o segundo, e de 1.500 euros para o terceiro. Este ano os comercios gañadores escollen os soportes e os medios de comunicación nos que queren publicitarse. Ata o ano 2007 as campañas viñan predeterminadas pola clasificación que acadase o estabelecemento, sen posiblidade de escoller o soporte publicitario.

Os comercios interesados poden apuntarse de balde. Só teñen que cubrir o Boletín de inscrición que atoparán ao final das bases do concurso, na páxina web da Concellaría, www.maiscompostela.org, e envialo por fax ao número 981 554 296. Tamén se pode realizar a inscrición enviando un correo electrónico a escaparatismo@santiagodecompostela.gal, no que consten os seguintes datos: nome do estabelecemento, sector ao que pertence, nome e apelidos do propietario, enderezo, teléfono, fax e correo electrónico (se o teñen).

A Concellaría de Promoción Económica e Comercio promove dende o ano 2004 o Concurso de Escaparatismo como medida de dinamización e mellora para os comercios en activo, e como incentivo da capacidade creativa, emprendedora e imaxinativa dos estabelecementos composteláns. O V Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping, dirixido a todos os establecementos comerciais da cidade, conta, ademáis da tempada de Verán, con outras dúas convocatorias: a de Outono e a de Nadal. O seu obxectivo é incentivar aos comerciantes a ofrecer unha imaxe comercial coidada e orixinal de xeito continuo, especialmente en período de rebaixas, onde a gran afluencia de público fai máis dificultoso manter a orde no establecemento. Neste senso é importante subliñar que o concurso prima tanto o escaparate como o interior do comercio.

O xurado no que se integran asociacións de comerciantes, consumidores e expertos na materia, valora especialmente a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos establecementos. Este xurado vai estar formado por representantes da Concellaría de Promoción Económica e Comercio, da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, da Asociación de Comerciantes de Santiago ACOTES, da Asociación de Comerciantes e Profesionais Centro Comercial Aberto Compostela Monumental, da Fundación Santiago Centro Área Comercial, de Euroconsumo Galicia, do Grupo Correo Gallego, e un experto en imaxe, marketing e comunicación.

Compartir: