TRANSPORTES

Comeza a funcionar o horario de verán no servizo de transporte urbano

30/06/2008 O martes 1 de xullo entra en vigor o horario de verán dos autobuses urbanos. As modificacións mantéñense na liña de anos anteriores e poden consultarse na páxina web de TUSSA. A empresa xestora do transporte urbano celebrou o seu Consello de Administración, onde se adxudicou a creación da nova páxina web da entidade e tamén un lector de matrículas de saída no aparcadoiro vixiado de Xoán XXIII.

A nova páxina web suporá unha total renovación respecto da actual, apostando por ofrecer unha información actualizada, dinámica e funcional sobre a mobilidade en Santiago de Compostela. Así, estase a traballar xa nunha subpáxina para informar en tempo real do paso dos autobuses e do cálculo das rutas.

Na web tamén se fará un esforzo de modernización en áreas como aparcadoiros, estación de autobuses ou servizos de transporte individualizados. A encargada de realizar esta renovación da páxina de TUSSA será a empresa Acordar, por un importe de 9.535 euros.

Por outra parte, adxudicouse á empresa Bymar Park, S.L, por importe de 15.921 euros, o sistema de lector de matrículas para as saídas do aparcadoiro de Xoán XXIII. Este sistema únese aos xa instalados nas dúas entradas e permitirá comprobar que o billete corresponde ao vehículo que quere saír, e que os abonados poidan saír do aparcadoiro sen usar a tarxeta.

No que se refire aos autobuses urbanos, cómpre lembrar que comezan a funcionar no horario de verán, que se manterá ata o 11 de setembro. Os usuarios poderán consultar as novas horas na páxina web de TUSSA (www.tussa.org), no 901 120 054 e nos propios autobuses onde xa se atopan os folletos coa información actualizada.

Compartir: