EDUCACIÓN

Os máis pequenos exhiben o seu talento artístico

30/06/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, clausurou as actividades do Obradoiro de Arte "Artellando", na Escola Infantil Municipal de Conxo, coa exposición de todos os traballos realizados durante o curso escolar 2007-2008.

Neste acto, o alcalde e a concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, estiveron acompañados polos protagonistas destes traballos e polas súas familias. Ademais, todos puideron contemplar a proxección dunha mostra dos traballos realizados no Obradoiro de Artes Escénicas.

A Escola infantil municipal de Conxo organiza obradoiros todas as tardes do curso lectivo en horario de 16:00 a 20:00 horas para nenos e nenas de 3 a 6 anos. Os obradoiros de arte son un proxecto de educación artística que se desenvolve dende o curso 2004-2005, co obxectivo de espertar dende as idades máis temperás a súa particular visión artística.

Esta exposición fai visible o proxecto pedagóxico da Escola Infantil municipal de Conxo, na que o equipo de profesionais pretende involucrar de maneira continuada ás familias achegando a arte non só aos nenos e ás nenas senón tamén aos seus familiares. Ademais, este traballo contribúe á inmersión dos nenos e nenas desta Escola no rico patrimonio cultural de Santiago, converténdoo nun referente esencial na súa educación.

A profesora Loli Santiso conduciu este Obradoiro de Arte, no que participaron trece rapaces e rapazas. Os alumnos tamén tiveron a ocasión de traballar co artista invitado Xesús Carballido. En canto ao Obradoiro de Artes Escénicas, os participantes fixeron o seu particular Telexornal e traballaron sobre a película "O dragón e a bolboreta", adaptación do conto de M. Ende.

Compartir: