PLENO

O Pleno deu o visto bo aos orzamentos

28/06/2008 Nunha sesión extraordinaria e monográfica, o Pleno municipal aprobou cos votos favorables do grupo de goberno os orzamentos municipais de 2008. O orzamento prevé uns ingresos de 114.527.021 euros e uns gastos 114.196.267 euros, cun superávit inicial de 330.753 euros.

O concelleiro de Facenda e Orzamentos, Andrés Fariña, explicou as principais características destas contas, nas que a capacidade de endebedamento, 6.340.000 euros, destinarase a financiar parte do programa de investimentos, por un total de 25.059.200 euros, o que supón o 22% do orzamento. Neste capítulo destacan investimentos como os destinados a EMUVISSA para urbanizacións de polígonos de vivendas (11,7 millóns de euros), o Plan de Acción Municipal (5,5 millóns de euros), Cidade Histórica (1,1 millóns de euros) ou Centros Socioculturais (800.000 euros), entre outros.

Os orzamentos de 2008 apostan pola mellora dos servizos públicos e de atención aos cidadáns, procurando o equilibrio social e territorial. A distribución dos gastos por funcións indica o peso dos bens públicos sociais (un 35,85%), e da protección e promoción social, un 8,90%. Neste exercicio tamén se produce a consolidación da produción de bens públicos de carácter económico, establecendo un porcentaxe de 18.65% do orzamento polo peso dos investimentos.

Entre os gastos de carácter obrigatorio prestados polo Concello, experimenta unha mellora notable o servizo de mantemento e reposición do alumeado público, ao que van destinados 2.495.02 euros; limpeza viaria e lixo, 10.352.800 euros; ou parques e xardíns, 4.589.491 euros. En educación, o Concello intégrase na rede de Galescolas cun compromiso de gasto de 99.000 euros para a escola de San Roque, e asume os contratos de adxudicación da explotación das escolas municipais de Fontiñas e Conxo por case 500.000 euros.

Tamén se mellora o servizo de transporte urbano de viaxeiros, cun crédito de 3.177.330 para este concepto. As infraestruturas absorben máis de 18 millóns de euros. Continuarán os esforzos dirixidos á urbanizacións de barrios e ao rural por 2.000.000 euros. Recóllense 1.400.000 euros destinados ao convenio coa Consellería de Política Territorial para mellora das travesías da cidade. Finalmente, para o convenio coa Consellería de Medio Ambiente destínanse 900.000, co obxecto de seguir mellorando a rede de saneamento de núcleos rurais.

Compartir: