ALCALDÍA

O alcalde presidirá en Donostia a Asemblea Xeral do Arco Atlántico na que se aprobará a Carta Atlántica de Desenvolvemento Sostible

31/05/2008 A Asemblea Xeral da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico celebrarase o martes 3 de xuño, no Palacio de Congresos do Kursaal de Donostia, e estará presidida polo alcalde de Santiago de Compostela e actual presidente da CCAA, Xosé A. Sánchez Bugallo.

Entre os principais obxectivos da xornada está a aprobación definitiva do documento que se debateu en Santiago durante a celebración do último Buró Executivo o pasado mes de abril. Baixo o título "Carta Atlántica de Desenvolvemento Urbano Sostible" este documento é unha declaración das políticas que as cidades atlánticas pretenden desenvolver nos seus territorios.

Trátase de aplicar medidas encamiñadas a fomentar iniciativas locais que logren reducir o consumo enerxético dos nosos territorios; limitar a expansión urbana en beneficio dun modelo de «cidade compacta»; mellorar a eficiencia enerxética dos edificios; promover as enerxías renovables segundo as características xeográficas específicas de cada zona; desenvolver transportes públicos eficaces e modos de transporte sostibles; protexer a biodiversidade atlántica; desenvolver sistemas eficaces para a reciclaxe de residuos e, cando sexa posible convertelos en fonte de enerxía.

O documento tamén fai referencia á necesidade de reforzar a capacidade do espazo atlántico en materia de innovación, de I+D e de economía do coñecemento; apoiar o desenvolvemento de ecoactividades; mellorar da accesibilidade; promover vivendas e servicios sociais de calidade e respaldar unha política cultural ambiciosa e para todo tipo de público.

Buró Executivo
Na xornada previa á Asemblea, o luns 2 de xuño, celebrarase ás 17 horas un Buró Executivo no que se decidirá de qué modo se reorganiza finalmente a Conferencia para facer fronte aos novos retos da súa axenda. Previsiblemente será aprobada a proposta de constituír tres grupos de traballo baixo os epígrafes: Estratexia e Coordinación (que estaría presidido por Santiago); Competitividade Territorial, Medio Ambiente; e Cambio Climático.

Por último, celebrarase unha reunión na que Santiago vai defender a súa proposta de sinopse para a exposición itinerante que visitará Santiago e que se está organizando en colaboración co Museo de Europa.

Compartir: