ALCALDÍA

A Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre agradece os compromisos adquiridos polo Concello

30/05/2008 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, mantivo unha reunión coa directiva da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, para falar dos compromisos adquiridos con esta entidade no encontro que mantivo na súa sede hai un ano. Moitos destes compromisos están cumpridos a día de hoxe, como é o caso do acondicionamento da plataforma que se atopa ao carón do edificio da Asociación, e que dá servizo de aparcamento aos traballadores do polígono ou o axardinamento das rotondas.

No encontro falouse do estado de tramitación da escola infantil do polígono e da ordenación do transporte público. Ademais, o presidente do polígono, Jesús J. Chenel, agradeceu a presenza diaria da policía local no polígono para evitar que os vehículos aparquen nas beirarrúas, e a axuda prestada na eliminación de vehículos e plataformas abandonadas dentro do perímetro do polígono. Nas últimas semanas retiráronse uns trinta vehículos (camións e plataformas) que estaban aparcados nas rúas do polígono.

O alcalde comprometeuse a que os orzamentos municipais de 2008 contemplen a aprobación dun proxecto de ordenación do tráfico do polígono por importe de 150.000 euros, no que se afrontarán cuestións relativas ao pintado, á sinalización e ás direccións das rúas.

No que respecta á duplicación da ponte de acceso ao polígono, Sánchez Bugallo sinalou que tratará este tema na reunión que manterá o 10 de xuño cos principais responsábeis do Ministerio de Fomento en Madrid.

Compartir: