TURISMO

Máis de 1.000 curtametraxes inscritas no Concurso de Curtas de Curtocircuíto

30/05/2008 Dende que se abriu o prazo de inscrición o 14 de abril, máis de 1.000 curtametraxes procedentes de países tan diversos como Uruguai, Malaisia, Australia ou Costa de Marfil inscribíronse no Concurso de Curtametraxes de Curtocircuíto 2008. As películas seleccionadas como finalistas poderán verse durante a Semana Oficial que se celebrará en Santiago do 17 ao 24 de outubro.

O Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, unha iniciativa da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo e da Concellaría de Cultura, busca repetir o éxito acadado o 2007, no que se inscribiron 2.867 curtas, o que supuxo un incremento do 460% respecto a edición de 2006.

No ano 2007, o número e calidade das curtametraxes participantes no Festival consolidou Curtocircuíto coma o evento de Curtametraxes máis importante da Península Ibérica.

A edición de 2008 presenta novidades como a creación de novas categorías, o aumento da contía de premios, novos obradoiros, concertos e outras actividades relacionadas co cine de curta duración que compoñen a axenda da V edición de Curtocircuíto.

O festival compostelán comezou as súas actividades en abril poñendo en marcha o concurso de guión Compostela Plató, cuxo prazo de participación remata o 8 de xuño, o Concurso de Curtametraxes, que seguirán recibindo curtas ata o 24 de xuño e o III Mercado Internacional de Curtas, que non pechará as inscricións ata finais de xullo.

Compartir: