CULTURA

Presentada a programación cultural para o mes de xuño

30/05/2008 A nova concelleira de Cultura, Socorro García Conde, e o xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, presentaron o programa cultural do mes de xuño. O concerto de Rufus Wainwright ou a representación de O guía do Hermitage, serán algunhas das citas máis importantes do mes.

O mes abrirá cun prato forte no apartado musical, co concerto de Rufus Wainwright, o día 1 no Auditorio de Galicia, que pecha o programa semestral do ciclo Sons da diversidade. Tamén no eido musical, destaca a presentación de Alí, o novo disco de Marcos Teira, no Teatro Principal o 8 de xuño, e os seis concertos programados dentro do ciclo Cultura Vai. Circuito 4x4: Rosa Cedrón, Víctor Aneiros Band, Mercedes Peón, Treixadura, Silvia Penide e Fía na Roca.

Xa no Pavillón Multiusos Fontes do Sar celebraranse tres concertos que se prevén multitudinarios: o grupo israelí de música e danza Mayumana; o directo de Juanes; e o concerto triple, no Día da Música, que reunirá a Quique González, Deluxe e Iván Ferreiro.

Teatro, cinema e letras
No eido das artes escénicas, un dos eventos máis destacados é a posta en escena de O guía do Hermitage, protagonizada por Federico Lupi, que terá lugar os días 13 e 14 no Teatro Principal, da man do ciclo Teatro e Danza en Xira.

Outras citas de interese coa arte teatral van ser a repesentación de Comida chinesa, de Teatro do Adro, ou a mostra de danza contemporánea nas prazas e rúas Entre-danzas-08, cuxo programa específico vai ser presentado en datas vindeiras.

No que se refire ao cinema destacan as cinco proxeccións que se van desenvolver en distintos centros socioculturais da cidade dentro do ciclo Cinemas dixitais, que leva documentais galegos contemporáneos aos barrios das urbes de Galicia.

Outra das citas do mes chegará o 19 de xuño coa inaguración dunha mostra dedicada a Curros Enriquez no centenario do seu pasamento. Os actos de semblanza do escritor de Celanova completaranse cun recital-concerto no Principal e dous relatorios a cargo de Francisco Rodríguez e Pilar García Negro.

Compartir: