CONSORCIO

O Consorcio renova a súa aposta pola recuperación do espazo urbano en cidades históricas de América Latina

30/05/2008 O Consorcio presenta a segunda convocatoria do Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana 2008, destinado á creación e recuperación do espazo urbano en cidades históricas de América Latina. Esta iniciativa reivindica a recuperación da calidade do espazo urbano das súas cidades históricas como xeito de promover proxectos públicos que se orienten a reinventar e fortalecer o papel estrutural que este espazo debe ter.

O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o seu xerente, Xosé Manuel Villanueva, presentaron esta segunda edición do Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana, organizada e patrocinada polo Consorcio de Santiago de Compostela, coa colaboración da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo do Ministerio de Asuntos Exteriores e a Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia.

O obxectivo deste certame, dotado de 180.000 euros, é subliñar a importancia cualitativa do espazo urbano como catalizador da vida nas cidades e fomentar a actuación das administracións públicas na súa creación, rehabilitación, restauración e mellora, entendendo o seu estado de conservación como un claro indicador de saúde cívica e colectiva das cidades históricas de América Latina.

A convocatoria 2008 está destinada a recoñecer e fomentar iniciativas públicas de creación e recuperación de ámbitos de cohesión nas cidades históricas de América Latina a través da transformación e a mellora do espazo urbano. Entre as propostas que poden presentarse ao certame están proxectos urbanos, de promoción pública (aínda non executados) tanto de nova creación como de remodelación, rehabilitación ou restauración. Ademais, estes proxectos teñen que estar promovidos por entidades públicas.

As intervencións deberán ter en conta e vai ser primordial, á hora da avaliación dos proxectos que se presenten, o obxectivo urbano, a súa innovación e a súa función público-social. A documentación necesaria para presentarse ao premio así como todas as súas condicións atópanse publicadas na páxina web do Consorcio de Santiago www.consorcio-santiago-org.

O calendario do Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana 2008 comeza o 15 de xuño co inicio da presentación dos proxectos e que finalizará o 15 de setembro. O 27 de outubro levarase a cabo a reunión do xurado do premio, que decidirá e comunicará de xeito público o proxecto gañador. Para rematar, no mes de decembro realizarase a entrega do premio.

Xurado

O xurado do Premio está composto por:

Presidente:
Xerardo Estévez Fernández (Santiago de Compostela)
Arquitecto. Colaborador literario do diario "El Pais"

Vogais:
Nuria Sanz Gallego
Funcionario UNESCO – Nacións Unidas
Especialista do Programa da Unidade de América Latina e Caribe no Centro de
Patrimonio Mundial de UNESCO

María Luisa Cerrillos Morales (Ciudad Real)
Arquitecta – Urbanista
Ex directora do Programa de Patrimonio da AECID

Jordi Borja Sebastiá (Barcelona)
Xeógrafo – Urbanista
Escritor
Director do proxecto Xestión da cidade na Universidade Oberta de Catalunya

Javier Ramos Guallart (León)
Arquitecto
Secretario xeral de Vivenda do Ministerio de Vivenda

Francisco López Morales (México)
Arquitecto
Director de Patrimonio Mundial do Instituto Nacional de Antropoloxía e Historia
de México (INAH)

Juan Luis Isaza Londoño (Medellín – Colombia)
Arquitecto
Decano da Facultade de Estudos do Patrimonio Cultural – Universidade
Externado de Colombia (Bogotá)

Compartir: