DEPORTES

Unha fin de semana chea de deporte para todos

30/05/2008 O sábado 31 de maio e o domingo 1 de xuño, cita co deporte en Santiago, coa celebración, respectivamente do Día do Deporte e do Día da Bicicleta. Todos os composteláns están chamados a participar de balde nestas actividades.

No caso do Día do Deporte, o sábado 31 de maio, as actividades celebraranse no multiusos Fontes do Sar e nas piscinas de Santa Isabel. No primeiro dos recintos o programa iniciarase pola mañá coa campaña de minibásquet "Memorial Lorenzo de la Torre". Xa pola tarde, finais da Copa "Concello de Santiago" de fútbol sala e un obradoiro de globoflexia os máis cativos.

Durante todo o día, o recinto ofrecerá de balde diversas actividades, como unha xincana ciclista, simuladores de golf e de tiro en 3D, loitas olímpicas, atletismo indoor e tiro con arco. En Sar tamén estará a exposición do XII Concurso de Fotografía Deportiva. Ademais, a entrada á zona dos ximnasios será de balde durante todo o día. A maiores ofertarase ao longo do día unha actividade dirixida de bicicleta estática.

Nas piscinas de Santa Isabel clausurarase a campaña de natación escolar "Á auga patos", entre as 10:30 a 13:00 horas. Tamén alí, festival de waterpolo entre as 16:00 e as 19:00 horas.

A xornada pecharase cun acto final, ás 19:30 horas, no que se entregarán os trofeos e agasallos. No mesmo acto homenaxearase a Carlos J. Lamela, polo seu labor profesional durante os últimos 24 anos no Departamento de Deportes do Concello.

Día da Bicicleta
Ao día seguinte, o domingo 1 de xuño, celebrarase o Día da Bicicleta, co que se quere sacar as bicicletas á rúa para dar un paseo pola cidade. Nesta xornada de convivencia e lecer poderán participar todas as persoas que o desexen, recomendándose que sexan maiores de sete anos.

Como novidade, os menores de oito anos terán na praza do Obradoiro, dende as 11:00 horas, un circuíto específico adaptado para eles. Todos os participantes entrarán no sorteo de agasallos.

As inscricións deberán realizarse no Departamento de Relacións Externas (planta baixa) do Centro Comercial Compostela ou no Departamento de Deporte (Estadio de San Lázaro). O prazo remata o 31 de maio. Non obstante, os participantes que se inscriban o mesmo día da carreira poderán facelo ás 10:00 horas na propia liña de saída, na rúa do Restollal.

O percorrido da marcha será o seguinte: Paxonal, Amor Ruibal, Hórreo, praza de Galicia, Fonte de Santo Antonio, Virxe da Cerca, Porta do Camiño, rúa das Rodas, Colexio La Salle, San Roque, Santa Clara, Basquiños, San Caetano, Camiño Francés, rúa de París, rúa de Londres, Multiusos de Sar, Diego Bernal, ponte do Sar, Castrón d’Ouro, Curros Enríquez, Santiago de Guayaquil, República do Salvador, Hórreo, Senra, Porta Faxeira, Pombal, Galeras, Salvadas, Vista Alegre, avenida de Castelao, Burgo das Nacións, Xoan XXIII, San Francisco e praza do Obradoiro.

Compartir: