ALCALDÍA

Santiago exhibirá o seu patrimonio en torno ao Camiño nunha mostra que percorrerá durante tres anos varias cidades europeas

29/04/2008 Representantes das cidades de Avilés, Vigo, Limoges, Nantes, Bordeaux, Gijón, Rennes, Lorient, Porto e Santiago discutiron sobre as temáticas que deben formar parte da sinopse dunha exposición itinerante que a CCAA vai organizar en colaboración co Museo de Europa.

Baixo o título "Cidades atlánticas, portas da mundialización", a mostra pretende evocar as relacións de intercambio que as urbes atlánticas mantiveron con outros continentes dende o século XV. O proxecto pretende demostrar a achega específica das cidades do Arco Atlántico á civilización europea, afondando no feito de que estas cidades se caracterizaron, efectivamente, por unha importante dinámica de intercambio e de apertura constitutiva da súa identidade e da súa economía.

Deste xeito, a mostra estará argumentada en base ao feito de que os habitantes do territorio atlántico teñen atravesado os océanos para descubrir outros mundos e porén teñen contribuído en grande medida á apertura de Europa ao mundo, a crear un imaxinario europeo e a dar forma ás ideas en Occidente.

Neste sentido, o Camiño de Santiago, como primeiro itinerario europeo, será unha das partes fundamentais do tronco común da exposición que percorrerá as cidades atlánticas durante tres anos. Paralelamente organizaranse microexposicións nas vilas máis pequenas que permitirán a estas poboacións completar os contidos segundo as súas peculiaridades históricas e os seus recursos locais.

Na reunión mantida en Santiago acordouse constituír un comité científico composto por expertos en Historia e conservadores de museos das cidades participantes, como primeiro paso para elaborar un estudio de viabilidade técnica e financeira do proxecto desta exposición, que podería empezar a percorrer as cidades no 2009. Santiago estará representada neste comité pola doutora en Historia de América da Universidade de Santiago, Pilar Cagiao.

Os participantes coincidiron tamén na necesidade de ampliar o partenariado da exposición cara o Reino Unido, Irlanda e o sur de España (Sevilla e Cádiz) pola grande importancia que tiveron na etapa dos descubrimentos e a calidade do patrimonio que poderían aportar á exposición. Esta proposta farase dentro da Asamblea Xeral que se celebrará en San Sebastián o próximo xuño e a onde está previsto que acudan representantes destas cidades.

Compartir: