ALCALDÍA

Sánchez Bugallo presidirá o Buró Executivo da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico que se celebrará en Santiago

29/04/2008 O Buró Executivo da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico discutirá o mércores 30 en Santiago o contido dun documento que, baixo o título de "Carta Atlántica de Desenvolvemento Urbano Sostible", obrigará ás cidades membro da CCAA a adquirir compromisos concretos fronte ao cambio climático.

A sesión do Buró Executivo dará comezo ás nove da mañá, na Sala Circular do Auditorio de Galicia, e estará presidida polo alcalde de Santiago e actual presidente da CCAA, Xosé A. Sánchez Bugallo. Na xuntanza participarán representantes das cidades francesas de Rennes e Nantes; as portuguesas de Figueira da Foz e Lisboa; San Sebastián e Santiago pola banda española e Cardiff por parte do Reino Unido.

Entre os principais obxectivos da xornada está o debate da Carta Política da entidade e unha proposta de renovación do seu plan de desenvolvemento. Falarase tamén de implementar a axenda territorial da CCAA en base á Carta de Leipzig e á axenda territorial da UE. Neste sentido, será presentado un documento que baixo o título "Carta Atlántica de Desenvolvemento Urbano Sostible" pretende que as cidades do territorio atlántico se comprometan a adoptar unha serie de medidas concretas.

Estas normativas estarían encamiñadas a fomentar iniciativas locais que logren reducir o consumo enerxético dos nosos territorios; limitar a expansión urbana en beneficio dun modelo de «cidade compacta»; mellorar a eficiencia enerxética dos edificios; promover as enerxías renovables segundo as características xeográficas específicas de cada zona; desenvolver transportes públicos eficaces e modos de transporte sostibles; protexer a biodiversidade atlántica; desenvolver sistemas eficaces para a reciclaxe de residuos e, cando sexa posible convertelos en fonte de enerxía.

O documento que se vai discutir tamén fai referencia á necesidade de reforzar a capacidade do espazo atlántico en materia de innovación, de I+D e de economía do coñecemento; apoiar o desenvolvemento de ecoactividades; mellorar da accesibilidade; promover vivendas e servicios sociais de calidade e respaldar unha política cultural ambiciosa e para todo tipo de público.

O Buró deberá apoiar este documento para que poda ser levado a votación durante a próxima Asemblea Xeral da CCAA, que se celebrará en xuño na cidade de San Sebastián.

Compartir: