EMPREGO

Promoción Económica imparte dous novos cursos do Plan FIP

29/04/2008 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo impartirá dous cursos máis do Plan FIP (Formación e Inserción Profesional), destinados a persoas desempregadas. Son Instalador de sistemas de enerxía solar térmica e Electricista de edificios. Concedidos pola Delegación provincial da Consellería de Traballo, están homologados pola Xunta de Galicia e subvencionados con 109.170 euros.

Estas dúas especialidades súmanse ás de carpintería, cantería, fontanería e xardinería. Nestes momentos estase co proceso de selección do alumnado. Cada un dos seis cursos, que se desenvolverán no Centro de Formación Ocupacional Sanxuás de Aríns no 2008, oferta 15 prazas. En total, a Concellaría formará a 90 persoas desempregadas a través do Plan FIP.

As persoas interesadas poden informarse no teléfono 981 542 493 ou dirixirse as oficinas de Promoción Económica e Emprego situadas na porta 9 do Estadio de San Lázaro, na avenida Fernando Casas Novoa, 20.

A especialidade de Electricista de edificios consta de 430 horas lectivas. Durante o curso os alumnos aprenderán a montar, instalar e reparar liñas eléctricas de baixa tensión e liñas especiais, e a realizar o mantemento das instalacións e equipamentos eléctricos. Instalador de sistemas de enerxía solar térmica, con 360 horas lectivas, capacitará ao alumnado para realizar instalacións de electrificación mediante enerxía solar e levar a cabo o seu mantemento. As dúas especialidades comparten os módulos transversais de Habilidades comunicativas en galego para o mundo laboral e Formación para a igualdade.

As seis especialidades do Plan FIP concedidas ao Concello de Santiago forman a técnicos en especialidades con demanda no mercado de traballo, polo que son unha boa oportunidade para insertarse laboralmente. Algúns, como cantería, están considerados novos xacementos de emprego. Todos os cursos contemplan a realización de prácticas en empresas.

Compartir: