FESTAS

Comezan as Festas da Ascensión cunha multitudinaria Campus Party

29/04/2008 As Festas da Ascensión comezan o mércores 21 cun programa repleto de actividades e actuacións musicais para todo tipo de públicos. Arrincarán ás 12:00 horas coas bombas que anuncian o inicio das festas. A partir dese instante o ambiente festivo chegará ás rúas de Santiago, que ao longo de toda a mañá estarán animadas por grupos de gaiteiros, fanfarrias e polo bo facer dos cabezudos.

A nota musical da xornada estará en tres puntos da cidade. Ás 22:00 horas, comezará a música e os bailes no Paseo Central da Alameda coa orquestra Filadelfia. Ás 23:00 horas, o Campus Sur espera a chegada de centos de mozos e mozas que poderán gozar coa Campus Party e coas actuacións e sesións de Ragdog, de Cornelius, do Dj alemán Sash e do español Jesse García. Ademais do espectáculo de música e dos videojockeys invitados, a compañía de Pablo Méndez animará a noite co seu impactante show de performances e gogo´s, que se poderán ver a través de pantallas xigantes.

Os que non son afeccionados a música techno ou dance e non aturan as aglomeracións poderán optar por gozar cun concerto na Praza do Toural. O grupo de funky Supersandwich tocará a partir das 12 da noite. Esta banda creouse no ano 2003 grazas a unión de varios compañeiros da especialidade de educación musical da facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago. Os seus 12 integrantes formáronse nos máis variopintos estilos musicais, creando un son único e diferenciado. O resultado é unha estraña mestura de funky-pop-rock, cunhas letras frescas e divertidas que converteron a esta banda nunha das máis punteiras da provincia da Coruña. Chegan a Santiago para sorprender ao público co seus bailes e temas propios, cun directo contundente e divertido.

O deporte na Ascensión
Despois do inicio de festa, na mañá do xoves 1, día da Ascensión, comezará a Volta Ciclista da Ascensión 2008, organizada pola Fundación Compostela Deporte e o Club Ciclista Compostelano. Na súa primeira etapa, os corredores sairán do Milladoiro para realizar o seguinte itinerario: Santiago-Pontecesures-Vilagarcía-Caldas de Reis-San Xurxo de Vea-Pontecesures-Padrón-Noia e de regreso a Santiago. Continúa o venres 2 coa segunda etapa e un novo percorrido: saída da Ponte de San Lázaro-Arzúa-Vila de Cruces-Bandeira-Chapa-A Estrada-Santiago. Na terceira etapa do sábado 3 realizarán un novo percorrido polos arredores (Santiago-Ordes-Cerceda-A Silva-Coristanco-Rus-Brión-Bertamiráns- Santiago).

Ademais do ciclismo, celebrarase durante toda a mañá do xoves no recinto feiral de Amio o Concurso Cabalar da Ascensión. Haberá exhibicións de doma de alta escola e fantasías ecuestres con cabalos de pura raza galega do Centro de referencia do cabalo galego e cabalos de pura raza española.

A música en directo
A mocidade poderá gozar con varios concertos que se celebrarán no Campus Sur. O primeiro deles, o xoves 1. O grupo M Clan actuará ás 23:00 horas para presentar o seu último traballo, Memorias de un espantapájaros.

O venres 2, as actuacións musicais alternaranse entre o Toural e o Campus Sur. Seis bandas, das 52 que conforman os grupos dos Locais municipais de ensaio, (Ascensión Lírica, Mito Escrito, Bronquitis Crónica, Codename, Forraje e Dj Rhythm Part) presentarán ao público os seus temas. E no Toural, o estilo reggae de Ruanaway, comezará a soar a partir das 23:00 horas.

Actividades para os nenos e os maiores
Na xornada do venres 2, os máis pequenos terán unha festa de temática Safari no Paseo Central da Alameda, onde poderán xogar e pasar unha tarde entretida a partir das 18:00 horas. Ademais, celebrarase o habitual Campionato de Chave, que en 2008 alcanza a súa triséxima segunda edición.

O sábado 3, o recinto feiral de Amio recibirá o todos os maiores que compartirán un xantar, gozarán coa animación dos cabezudos e bailarán coa música da orquestra Nueva moda. O prazo para recoller a invitación na Oficina de Turismo remata o mércores 30 ás 14:00 horas. Polo momento, hai anotadas 1.700 persoas.

Tamén haberá os tradicionais desfiles de cabezudos polas rúas, actuacións de grupos tradicionais e de folc, a actuación da Banda Municipal e as orquestras que farán bailar a todo o mundo e gozar da festa de Santiago durante cinco días. E como non, os máis pequenos poderán xogar e pasar as tardes coas atraccións e coa mítica noria da Alameda.

Compartir: