SERVICIOS SOCIAIS.

Os programas de prevención da VIH/ SIDA e enfermidades sexuais melloran os coñecementos dos adolescentes.

22/08/2005 A maior valoración e confianza no uso de métodos antioconceptivos e de prevención, e especialmente no uso do preservativo, é un dos resultados do Programa de Prevención do VIH/ SIDA desenrolado pola Unidade de Atención Municipal aos Drogodependentes (UMAD). O emprego de case que a totalidade dos métodos de prevención foi considerado máis eficaz ao remate deste obradoiro, a excepción da "marcha atrás", cumpríndose así o propósito formativo fundamental desta iniciativa.

No programa participaron máis de 150 alumnos, de entre 15 e 19 anos, do IES As Fontiñas e do Antonio Fraguas. O obxecto do obradoiro denominado "Sexo máis Seguro" incluído neste programa foi informar axeitadamente sobre a sexualidade para poder modificar actitudes, normas e crenzas co fin de favorece-la adopción de medidas de prevención e evitar comportamentos de risco. O fin é que os mozos que participaban nesta actividade adquiriran habilidades de relación, autosuficiencia e asertividade nas relacións sexuais. A información sobre as enfermidades de transmisión sexual (ETS), a SIDA, os usos de anticonceptivos en xeral e do preservativo en particular centraron o contido deste obradoiro.

Os cuestionarios cubertos polos participantes ao inicio e ao remate do obradoiro para coñece-la incidencia do mesmo nos seus comportamentos amosaron resultados moi satisfactorios. Así o cuestionario inicial reflicte que a poboación adolescente ten un gran descoñecemento e moitas dúbidas a cerca da transmisión do VIH, as enfermidades de transmisión sexual e a sexualidade en xeral. Ao remate do obradoiro se constatara a sensible modificación sober a eficacia que os adolescentes conceden a algúns métodos anticonceptivos. Inicialmente os participantes consideran como máis eficaz o preservativo, tendencia que se acentúa tra-la asistencia ao obradoiro. Tódolos demais métodos anticonceptivos tamén son considerados máis eficaces cando remata o programa, excepto a marcha atrás.

A importancia do programa céntrase en que na adolescencia, período especialmente sensible na formación da personalidade, cuestiónanse as normas e valores que ensinan os adultos e aumentan as relacións de iguais fora da familia, provocando que moitos comportamentos que se levan a cabo dentro dun grupo sexan imitados a pesar de supoñer un risco para a saúde.

O obradoiro desenvolveuse entre xaneiro e maio de 2005 en 4 sesións, unha por semana, cunha duración dunha 1 hora e 40 minutos. O equipo de psicólogos que o impartiu, proporcionou información aos participantes sobre diferentes aspectos como os custos e beneficios dos preservativos, a anticoncepción e a prevención, a percepción de susceptibilidade e gravidade, actitudes sexuais e habilidades sociais.

Compartir: