COMERCIO

Case 16.000 visitantes consolidan Compostela Outlet

28/04/2008 Un total de 15.873 persoas visitou a segunda feira de saldos que se celebrou en Santiago, Compostela Outlet 2008, organizada pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo no marco do programa de actividades, Marzo, mes do comercio.

O outlet inaugurouse o sábado, 26 de abril, ás 12:45 horas, quince minutos antes do previsto, debido a que desde as doce da mañá había xente esperando para entrar. A clausura tivo lugar o domingo, 27 de abril, ás 21:00 horas. En total, a feira permaneceu aberta 19 horas. O sábado pasaron pola feira de saldos 6.212 persoas e o domingo 9.661.

Estas cifras permiten falar, segundo o concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Xosé Manuel Iglesias, dun "evento consolidado". Agora, toca preparar a organización da feira de 2009, obxectivo no que a Concellaría traballará en contacto directo co sector comercial da cidade.

As cifras de asistencia, semellantes ás de 2007, cando pasaron polo primeiro Compostela Outlet 15.624 persoas, foron presentadas por Iglesias. No segundo Compostela Outlet participaron 107 estabelecementos comerciais pertencentes a 14 sectores distintos, 29 comercios máis que o ano pasado, o que representa un incremento do 37%. A variada oferta de artigos á venda ocupou unha superficie de exposición de 2.466 metros cadrados, un 76% máis que os 1.400 metros cadrados habilitados en 2007.

Co obxectivo de facilitar as compras das persoas asistentes, a organización habilitou 250 metros cadrados de área infantil, autobuses gratuitos desde a Praza de Galicia cunha frecuencia de media hora, e un caixeiro automático facilitado por Caixa Galicia. Compostela Outlet. II Feira do Comercio polo miudo pecha o programa de actividades Marzo, mes do comercio.

Nesta segunda edición de Marzo, mes do comercio organizouse un ciclo de dez Conferencias sobre a Comunicación e innovación para o pequeno comercio e celebrouse, o 10 de abril no Teatro Principal, a III Gala do Comercio, á que asistiron máis de 300 persoas. Tamén se editaron 4.000 exemplares dunha revista sobre o sector onde se describen as actividades desenvolvidas no marco deste programa. A publicación distribuiuse entre todos os comercios da cidade e repartiuse, xunto a dípticos informativos de Marzo, mes do comercio, no transcurso de varias accións de animación na rúa con zancudos e malabares.

Compartir: