FESTAS

Desde Francia, chegan os ritmos cálidos de Sargento García

23/07/2005 O sábado 23 de xullo ás 23 horas, Sargento García, dentro do Compostela Festival, comezará o seu concerto na Praza da Quintana.

Despois do éxito obtido polo disco "La Semilla Escondida" en Francia (máis de 80.000 discos vendidos e máis de 120 concertos en 10 meses), Sargento García decidiu facer unha versión diferentes só para o estado español. Con este obxectivo, compuxo un tema para Ojos de Brujo "Seré de Arena", que gravaron xuntos no estudio Jan Cadela de Barcelona. Incluiu ademáis o remix de Asian Dub Funation da canción "More time". ¿O resultado? Un disco exclusivo que Sargento García está a presentar en directo.

Sargento García converteuse no embaixador francés dos ritmos cálidos. A súa música –o extremo oposto do personaxe burgués e rechoncho (secuaz do Zorro) de quen tomou prestado o nome- é picante, resoante e revitalizadora, unha mestura acertada e fresca dos mellores ritmos xamaicanos e cubanos. Nunca antes o reggae, a salsa, o son, o cha-cha, o ska, a rumba e o ragga foran combinados tan harmoniosamente nun mesmo album: un verdadeiro pioneiro.

Os tres primeiros albumes de Sargento García –Viva el Sargento (1997), reeditado recentemente, Un poquito quema´o (1999) e Sin Fronteras (2001), ideáronse en París utilizando ingredientes exóticos. Co seu cuarto album, La Semilla Escondida, Sargento García tomou o camiño oposto, volvendo ás orixes destes estilos musicais para gravalos alí mesmo, no lugar de onde proceden. Asi este disco supón un periplo entre Kingston (Jamaica) e Santiago de Cuba.

"Cando empecei por primeira vez a traballar neste proxecto, o meu obxectivo era combinar os dous sons que máis me gustan: a música xamaicana e a cubana. Esta mestura de culturas contén todo o que busco e defendo: loito por un mundo sen fronteiras, pero con moitas máis cores".

"La semilla escondida" é moito máis que un novo capítulo na road movie musical caribeña que comezou Bruno hai uns anos. Nada de seguir os familiares carreiros do pasado. O terreo, ainda que familiar, estase reinventando constantemente. A paisaxe materializase con máis agudeza, mentres que Sargento García descubre implacable e sen descanso novos cruces de camiños e rastros escondidos. Pero a percura polo cambio e a sede de aventura permanecen inalteradas. As modificacións ocurren dentro do marco da continuidade. O obxecto é soltar amarras mantendo o mesmo punto de ancoraxe.

Compartir: