ALCALDÍA

Compostela reúne ás personalidades académicas máis relevantes do mundo económico

31/03/2008 A Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras celebra en Compostela a súa solemne sesión académica o martes 1 de abril. Con tal motivo, os participantes foron recibidos en Raxoi polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.

Este encontro trae á cidade ás máis relevantes personalidades académicas do mundo económico e financeiro. Os detalles deste encontro xa foran comunicados ao alcalde nun encontro previo, co fin de colaborar na súa coordinación.

A esta sesión académica acuden personalidades coma o ministro de Transportes de Italia, Alesandro Bianchi; o conselleiro do Rei de Marrocos, André Azoulay; o ex-ministro de Arxelia de Relacións Exteriores e reitor da Universidade Lizica Mihu, Mohammed Laichoubi; o ex-primeiro ministro de Rumanía Petre Román; o embaixador da Unesco e presidente da Asociación Internacional de Críticos de Arte, Dan Haulica; ou o presidente da Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras, Jaime Gil Aluja. Así ata un total de 22 académicos.

A Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras, con sede en Barcelona, é unha corporación oficial de carácter científico e técnico dedicada á investigación e ao estudo das ciencias económicas e financeiras. Ademais, é unha entidade que asesora a numerosos organismos oficiais e institucións públicas. Acolle tanto académicos españois como destacados correspondentes estranxeiros.

Compartir: