TRANSPORTES

TUSSA aproba un orzamento de 1,5 millóns de euros para 2008

31/03/2008 A Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano (TUSSA) contará para 2008 cun orzamento de 1.499.669 euros. Así o aprobou o seu Consello de Administración, presidido polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. Entre as principais actuacións para o presente ano estarán diversas melloras nos aparcadoiros de Xoán XXIII e Belvís, as Xornadas de Transporte Urbano, un estudo de mobilidade e outro para a constitución dunha sociedade mixta para impulsar o transporte aéreo.

Nesta partida de 1.499.669 euros incluiranse varias obras estruturais no aparcadoiro de Xoán XXIII, tales coma o arranxo dunha nova oficina de atención ao público na zona de San Francisco. Neste mesmo estacionamento incorporaranse os lectores de matrícula de saída (ata o momento só hai lectores de entrada), favorecendo deste xeito tanto a mobilidade como a comodidade para os usuarios habituais. Tamén se realizarán obras no aparcadoiro de Belvís, en concreto de repintado das prazas.

Como se vén facendo con carácter bianual, TUSSA organizará neste 2008 unhas novas Xornadas de Transporte Urbano. En Santiago reuniranse expertos do sector para tratar diversos temas orientados a unha mellor xestión do transporte urbano en xeral.

Os orzamentos tamén inclúen unha partida destinada ao estudo das novas relacións de mobilidade da cidade. Medirase así o efecto no transporte das novas urbanizacións e dos novos centros xeradores e concentradores de viaxeiros. Trátase, en definitiva, de avaliar as necesidades reais dos cidadáns de Compostela. Unha vez coñecidas as conclusións do estudo de mobilidade, encargarase outro para adaptar a rede de transporte actual ás novas demandas.

Ademais, atendendo a un dos obxectos sociais de TUSSA, acometerase un estudo para a constitución dunha sociedade mixta. O obxectivo da mesma será dar o pulo necesario para o asentamento e mellora do transporte aéreo de mercadorías na cidade.

No Consello de Administración presentáronse tamén os resultados da empresa en 2007, ano que se pechou cun beneficio de 47.135 euros. Como datos salientables, os aparcadoiros xestionados (Xoán XXIII, Belvís e Dársena) melloraron en 9.086 vehículos a cifra de 2006. En canto ao transporte urbano, o 2007 pechouse cun total de 7.721.901 viaxeiros, o que supón un incremento de case o 2% con respecto a 2006.

Compartir: