ALCALDÍA

As tres novas superficies en marcha completarán en Santiago a área industrial máis grande de Galicia

28/03/2008 Santiago contará coa área industrial máis grande de Galicia cando se rematen as tres novas superficies postas en marcha na Sionlla, en Formarís e na Costa Vella. Estas tres parcelas sumarán máis de 2 millóns de metros cadrados aos outros 2 millóns do actual Polígono do Tambre, para chegar aos máis de 4 millóns de metros cadrados. Esta será, en palabras do alcalde, a área industrial máis grande de Galicia.

Sánchez Bugallo valorou a inminencia do comezo das obras de urbanización do novo polígono industrial da Sionlla, promovido polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), unha vez anunciado o remate do período de exposición pública do proxecto de expropiación. Ao mesmo tempo, indicou, está en vías de aprobación o proxecto de urbanización, que foi informado positivamente.

Respecto a este proxecto, o alcalde expresou a súa satisfacción porque "subsanou de forma satisfactoria todas as discrepancias existentes en cuestións como as conexións exteriores". Así, o IGVS atendeu a demanda de 12 metros de anchura na conexión de Amio e o paso do periférico exterior por encima da autopista AP-9 no tramo ata San Lázaro. Quedaría pendente neste caso, unha posible conexión directa coa propia autopista.

Tanto este novo polígono da Sionlla como os promovidos polo Concello, a través de EMUVISSA, en Formarís e en Costa Vella, executaranse ao mesmo tempo, segundo a previsión de Sánchez Bugallo. Deste xeito, en ano e medio poderían estar rematadas estas tres áreas industriais, cos que a cidade rexistraría "un cambio cualitativo enorme" na súa actividade industrial e de xeración de emprego.

Vivenda
O alcalde aproveitou a súa habitual rolda dos venres para referirse á situación do sector da construción e indicou que "o escenario de crise e o de Santiago non teñen nada que ver. Para demostralo, recordou que, mentres nos primeiro trimestre de 2007 se concederan 312 licenzas (150 para vivendas protexidas e 162 para libres), ata o 24 de marzo de 2008 tíñanse concedido licenzas para 586 vivendas (451 protexidas e 135 libres). A previsión para os próximos tres meses é que soliciten licenzas para unhas 300 novas vivendas, de xeito que no primeiro semestre do ano se poderían supera as 1.000 licenzas.

Para Bugallo, estes datos demostran que "en Santiago somos capaces de seguir creando traballo e de xerar políticas de vivenda. Ademais, felicitouse de que en torno ao 90% destas vivendas se constrúan en polígonos promovidos polo Concello a través de EMUVISSA. "Isto responde a unha aposta estratéxica feita no seu día e que hoxe nos permite seguir impulsando a actividade económica neste sector", afirmou o rexedor municipal.

Compartir: