CULTURA

Comeza Teatro e Danza en Xira 2008 con "Filomena Marturano"

29/02/2008 A edición de 2008 de Teatro e Danza en Xira comeza domingo 2 de marzo coa representación no Auditorio de Galicia de Filomena Marturano, un melodrama dirixido por Ángel Fernández Montesinos e interpretado por Concha Velasco. As mellores compañías de teatro e danza da Península virán a Compostela da man deste programa, organizado pola Concellaría de Cultura e a Fundación Caixa Galicia.

Para empezar, prato forte coa posta en escena de Filomena Marturano, un melodrama costumista que reflexiona sobre a maternidade e o matrimonio. Parte do texto homónimo do gran dramaturgo italiano Eduardo de Filippo, e constitúe xa un clásico da arte dramática. A historia de Filomena Marturano é a dunha ex-prostituta, mantida e subxugada por Domenico que, logo de vinte e cinco anos de relación, decide casar cunha rapaza nova, mais non conta con Filomena, que se converte no sutil instrumento dun histórico desquite da muller contra o home. A peza achega unha divertida e emocionante reflexión verbo do matrimonio e a maternidade, introducindo un tema candente na sociedade contemporánea: o aborto.

Na posta en escena da obra conflúen distintas personalidades de grande importancia no teatro contemporáneo. Á protagonista indiscutible da obra, Concha Velasco, acompáñaa un elenco de actores experimentados encabezados por Héctor Colomé, Emiliano Redondo e Mario Fernández Tardón. Pola súa banda, Ángel Fernández Montesinos, director da peza, acumula unha amplísima experiencia no seu labor.

Teatro e danza durante todo o ano
A única actuación de danza chegará no mes de abril coa representación de 13 rosas, baixo a dirección musical de Héctor González. A obra está dedicada ás vítimas da Guerra Civil, exemplificadas en trece rapazas que foron fusiladas en 1939 por pertenceren ás xuventudes socialistas. O 13 e o 14 de xuño aterra no Principal un dos grandes actores do teatro e o cinema contemporáneo, Federico Luppi, coa obra O guía do Hermitage. O programa de 2008 de Teatro e Danza en Xira complétase en setembro e novembro coas obras Turismo infinito, da compañía portuguesa de António M. Feijó e, xa por último, A paz perpetua, unha coprodución do Centro Dramático Nacional e a compañía Teatro de La Abadía, dirixida por Juan Mayorga.

As representacións repartiranse entre o Teatro Principal, habitual sede da Concellaría para a arte dramática, e o Auditorio de Galicia. A razón, segundo informou o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, reside no "gran formato da maioría das obras, que precisan dunha sala de grandes dimensións para se desenvolveren de xeito óptimo". Así, O guía do Hermitage porase en escena no Principal, mentres que o resto das obras representaranse no Auditorio de Galicia.

Compartir: