EMPREGO

Ata 125 persoas inscribíronse en 2008 na Bolsa de Emprego de Promoción Económica

29/02/2008 Un total de 125 persoas inscribiuse no que vai de 2008 na Bolsa de Emprego. Axencia de colocación, que xestiona a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. 52 usuarios contabilizáronse en xaneiro e 73 en febreiro. Das persoas inscritas, 88 son mulleres, o que representa o 70% do total.

A maioría dos usuarios, un total de 59, teñen entre 25 e 34 anos. A continuación sitúanse as franxas de idade que van dos 35 aos 44 anos, con 37 demandantes; e dos 45 aos 54 anos, con 17. O sector máis demandado polos inscritos na Bolsa de Emprego é o Sector Servizos (77 demandantes, 67 delas mulleres), seguido de lonxe por Construción, con 13 demandantes; Industria, con 12; o Sector Sanitario con 10; Medio Ambiente, con 8; e Comunicación e Imaxe con 5 demandantes.

A Bolsa de Emprego. Axencia de Colocación concíbese coma un espazo integrador das distintas políticas activas e actuacións municipais dirixidas a facilitar a inserción laboral das persoas demandantes de emprego así coma a intermediación laboral cas empresas. Enténdese coma outra vía de entrada ao mundo laboral: unha forma de relación entre os demandantes e os oferentes.

Un equipo de técnicos expertos en orientación-inserción profesional realiza unha entrevista a cada un das persoas usuarias da Bolsa de Emprego para elaborar a diagnose do proxecto profesional. Esta diagnose sirve para detectar as ocupacións preferentes nas que está máis capacitado para traballar.

A Bolsa de Emprego integra un Servizo de Atención ao Público que no 2008 leva atendidas un total de 1.728 consultas: 766 por teléfono e 972 de visitas recibidas na oficina de Promoción Económica e Emprego ubicada na rúa Hórreo, número 100, onde ten as instalacións a Bolsa de Emprego. 1.139 peticións de información, o 65,9%, foron realizadas por mulleres.

En xaneiro rexistráronse 960 consultas, 628 realizadas por mulleres, e 332 por homes. 528 foron de visitas recibidas, e o resto, 432, por teléfono. En febreiro contabilizáronse 768 peticións de información, 511 de mulleres e 257 de homes. 434 foron de persoas que pasaron polas oficinas, e 334 de persoas que solicitaron datos por teléfono.

Compartir: