CONSORCIO

Nace o Premio Fonseca para incentivar a transmisión do coñecemento científico ao gran público

29/02/2008 A USC e o Consorcio de Santiago, no marco do Programa ConCiencia, veñen de por en marcha o Premio Fonseca de divulgación científica. Este galardón créase coa vontade de incentivar a transmisión do coñecemento científico e o saber ao gran público. O premio constará dun diploma acreditativo, dunha reprodución en bronce de Alonso III de Fonseca deseñada por Ramón Conde e dunha dotación económica de 6.000 euros.

As bases da convocatoria foron presentadas no Colexio de San Xerome polo alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, e polo reitor da USC, Senén Barro. O primeiro expresou a súa satisfacción por "colaborar coa Universidade no ámbito científico e tecnolóxico e na súa posta en valor" con premios coma este. Pola súa parte, o reitor destacou a singularidade do galardón, que contribúe a seguir situando a Santiago como cidade da cultura e do coñecemento. Á presentación asistiron ademais o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; o coordinador do programa ConCiencia, Jorge Mira; e o escultor e deseñador do galardón que se entregará aos premiados, Ramón Conde.

Poderán ser candidatas ao premio aquelas persoas acredoras dunha destacada traxectoria no eido da divulgación científica dirixida ao público en xeral mediante unha utilización eficaz das posibilidades que ofrecen os medios de comunicación e mediante o desenvolvemento de métodos ou medios de divulgación científica innovadores. Tamén poderán ser obxecto de recoñecemento aquelas persoas que a través da súa actividade supoñan un referente público que estimule o interese xeral polo coñecemento e o desenvolvemento tecnolóxico nalgún ámbito do saber.

O Premio Fonseca, que terá carácter internacional, toma o seu nome dun dos fundadores da USC e persoeiro de capital importancia na conformación de Compostela como lugar de gran riqueza intelectual e científica e como foro de creatividade.

Integran o xurado o reitor da USC, o xerente e o director de programas do Consorcio, o coordinador do programa ConCiencia, e catro persoas relacionadas co eido da divulgación científica por proposta da universidade compostelá e do Consorcio. O xurado valorará aqueles aspectos persoais e profesionais dos candidatos que teñan unha relación máis directa co obxectivo do premio. Terase presente que non se trata de recoñecer traxectorias científicas excepcionais senón contribucións excepcionais á divulgación científica e ao estímulo de vocacións e ao desexo de saber en xeral ou en ámbitos concretos do coñecemento e do desenvolvemento científico.

A presentación de candidaturas, acompañadas da documentación pertinente, farase nos rexistros dos campus de Santiago ou Lugo antes das 14:00 horas do día 15 de abril. A decisión final do xurado farase pública antes do remate de maio de 2008.

Compartir: