CULTURA

Sonia Méndez estrea no Teatro Principal o seu primeiro filme, "Perversa Lola"

28/02/2008 A directora novel Sonia Méndez (Vigo, 1980), estrea o venres 29 de febreiro Perversa Lola, o seu primeiro traballo como autora cinematográfica. O filme foi presentado en Raxoi pola propia directora e polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego, acompañados dos actores protagonistas. A estrea será ás 21:00 horas no Teatro Principal. A entrada é de balde.

Segundo sinalou a directora, "o proxecto que xestou o filme nace hai un ano, cando viaxo a Cuba estudar un curso de Construción Dramática na Escola Inernacional de Cinema e Televisión. Aquí presento o proxecto do que, logo de moito traballo, remata en Perversa Lola". Afirma que, pese a tratarse dunha historia urbana, "dalgún xeito nace do rural, das historias que me contaron as miñas tías avoas cando era eu pequena, que daquela me metían medo. Partindo dunha desas historias e trasladándoa ao tempo presente empecei a darlle forma á curta".

Perversa Lola conta a historia de Lola, unha muller obsesiva duns 40 anos que leva meses separada da súa ex-parella. Dende que a deixou seu home ela vive perturbada e inicia unha caste de espiral autodestrutiva que a leva a seguilo aos hoteis para ouvir os sons das mulleres cando se deitan coa súa antiga parella. Cando el lle informa de que coñeceu unha muller coa que vai en serio, os acontecementos desencadéanse.

Unha longa traxectoria como actriz
Se ben con Perversa Lola Sonia Méndez estréase na dirección, a viguesa leva xa varios anos no cinema como actriz, tanto na televisión coma na pantalla grande. Amais de actuar en filmes de Xavier Bermúdez, Gerardo Herrero ou Judas Diz, Méndez fixo parte do elenco da serie da Galega Terras de Miranda e actualmente é unha das protagonistas de Os Atlánticos. Esta experiencia foi determinante no seu xeito de dirixir pois, segundo afirmou na rolda de prensa de presentación, "para min o máis fermoso foi o traballo cos actores, toda a posta en escena está pensada neles, en facilitar o seu labor".

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, amosou a súa satisfacción porque a nova directora escollera o Teatro Principal para a súa estrea e animou a que os realizadores mozos achegaran as súas propostas á Concellaría.

Compartir: