ALCALDÍA

O tramo do colector entre Pontepedriña e a depuradora entra na última fase de licitación

28/02/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona, visitaron as obras de mellora do colector interceptor do río Sar no tramo entre Pontepedriña e Ponte San Lázaro. Esta actuación supón un investimento de máis de 8 millóns de euros.

Ao tramo visitado uniráselle en breve o que discorre entre Pontepedriña e a depuradora da Silvouta, que está na fase da súa licitación, e a nova depuradora, que se atopa na fase de tramitación ambiental. Todas estas obras implican un investimento de 78,3 millóns de euros, incluídos no programa AGUA do Ministerio de Medio Ambiente.

A nova rede de saneamento de Compostela consiste nun gran colector interceptor, que transportará as augas residuais ata a depuradora, e varios colectores xerais que verten as augas residuais e pluviais ao interceptor a través de instalacións de control e aliviadoiros que actúan en momentos de chuvias importantes.

O tramo do colector interceptor xeral do río Sar entre Pontepedriña e Ponte San Lázaro consta dunha tubería de 4,5 quilómetros de lonxitude, ao que se incorporan sete colectores secundarios de 2,5 quilómetros. A totalidade execútase con tubería de formigón armado con diámetros comprendidos entre 1.000 e 1.200 milímetros. A actuación complementarase con pozos de rexistro e catro aliviadoiros-estanque de tormenta.

O segundo tramo, que unirá Pontepedriña e a EDAR, terá un interceptor xeral de 5,7 quilómetros de lonxitude, que substitúe ao existente, e de sete incorporacións secundarias de 3,6 quilómetros, que recollen os vertidos de diversas zonas da comarca, como Conxo, Fervenza, Milladoiro, Vidán, Brandía ou Laraño.

Completarán este tramo a construción de seis aliviadoiros de tormentas, catro arquetas de control de incorporacións e unha obra especial de conexión do colector do Sarela. Este tramo está en fase de licitación, estando prevista para marzo a apertura das propostas económicas. O seu orzamento ascende a preto de 30 millóns de euros.

Finalmente, a depuradora de Santiago, cuxo estudo de alternativas e anteproxecto están sendo redactados pola Confederación Hidrográfica do Norte, é a peza clave do futuro saneamento da capital galega. Esta depuradora, que se situará preto da actual, estará deseñada para tratar os vertidos dunha poboación equivalente a 246.000 habitantes. Esta instalación garantirá unha integración ambiental e social completa co entorno no que se sitúa.

Despois de visitar as obras, o alcalde destacou o esforzo inversor e a "extraordinaria atención" do Ministerio de Medio Ambiente. Pola súa parte, a ministra referiuse á transcendencia destas obras e á súa importancia para "reducir a contaminación e reutilizar a auga".

Congreso sobre cambio climático
Antes desta visita, no Palacio de Congresos, o alcalde e a ministra estiveron na inauguración do congreso "Medio Rural, Agricultura e Cambio Climático", organizado por Unións Agrarias. Destacados investigadores de prestixio internacional abordarán entre o 28 e o 29 de febreiro as variacións e necesidades de adaptación que introducirá o cambio climático. No evento debaterase tamén sobre o papel da agricultura como sumidoiro de carbono e sobre o papel dos agricultores e gandeiros como parte da solución ao cambio climático.

Neste encontro póñense en contacto profesionais do sector agrario galego con expertos no campo da investigación do cambio climático, das administracións e das universidades. Unha boa oportunidade para tomar conciencia do impacto do cambio climático no sector agroforestal e no medio rural de Galicia.

Compartir: