PROXECTO URBANO

Urbana Santiago Norte, unha iniciativa para a rexeneración dunha área de máis de 15.000 habitantes

31/01/2008 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou en público e a toda a cidadanía o programa Urbana Santiago Norte. Nun acto celebrado no Conservatorio Profesional de Música e acompañado polo tenente de alcalde, Néstor Rego, deu así a coñecer un programa ilusionante que aspira a dinamizar e a rexenerar económica e socialmente os barrios do norte da cidade, cun investimento de máis de 15 millóns de euros.

O ámbito físico de actuación desta iniciativa vai ser o que conforman os barrios máis antigos e tradicionais da zona norte da cidade: Vista Alegre, Romaño, Vite, Guadalupe, Salgueiriños, San Caetano, Basquiños, Ultreia, Espírito Santo, A Estila, A Almáciga, San Pedro, Concheiros, Belvís e Quiroga Palacios.

Trátase dunha área que presenta un volume demográfico superior aos 15.000 habitantes e unhas características socioeconómicas moi semellantes, con moitas construcións antigas e/ou necesitadas de reformas, cun deseño de rúas inacabado ou non acaído ás necesidades actuais, e cunhas necesidades comúns en materia de infraestruturas e de activación de dinámicas económicas e sociais.

Dinamización
Co desenvolvemento de USN preténdese acadar unha rexeneración económica e social dos barrios propostos, equilibrando ou equiparando a súa situación coa do resto da cidade. Iniciativa Urbana pode supor unha ferramenta fundamental para dinamizar a zona norte de Compostela, contribuíndo tamén a mellorar o benestar social e a calidade de vida dos seus cidadáns.

Nesta iniciativa estarán implicadas as concellerías de Mobilidade, Benestar Social, Educación e Mocidade, Rehabilitación, Obras e Infraestruturas, Promoción Económica, Cultura, Medioambiente e Deportes. Dentro das actuacións previstas no proxecto terán gran protagonismo os programas de dinamización social, igualdade de oportunidades e formación de colectivos en risco de exclusión, que se levarán a cabo en todos os barrios que forman parte do proxecto.

Tamén están previstas importantes actuacións destinadas a reurbanizar, acondicionar e mellorar a accesibilidade de parques e espazos públicos como a rúa dos Concheiros. Ademais haberá melloras na mobilidade do barrio de Vista Alegre, no acceso ao río Sarela e no barrio da Almáciga.

Estas actuacións irán acompañadas dun forte apoio ao fomento da actividade comercial e empresarial, con proxectos como a recuperación dos corredores comerciais dalgúns destes barrios, a instalación dunha incubadora virtual de empresas de economía social, e a construción dun centro de cualificación profesional e promoción de emprego.

Infraestruturas
Outras infraestruturas destinadas a mellorar a calidade de vida dos veciños van ser a construción dunha escola de educación infantil para nenos de 0 a 3 anos en Salgueriños; melloras nas instalacións deportivas dos barrios; a creación dun aula de interpretación da auga na Almáciga; a construción de dous centros cívicos integrados e aulas multimedia nos barrios de Vista Alegre e a Almáciga; a instalación de wifi nos parques de Vista Alegre, Vite, Bonaval e Belvís e a creación e dotación de espazos para o fomento da creación cultural, que incluirá actuacións nunha antiga curtidoría situada no parque de Belvís e tamén no edificio anexo ao colexio Santiago Apóstol, no barrio da Almáciga.

No apartado medioambiental, inclúese a mellora da eficiencia enerxética e a instalación de sistemas de enerxías renovables en edificios públicos; e a limpeza do río Sarela con restauración da zona entre O Romaño e Galeras.

Para desenvolver esta iniciativa a Unión europea achegará un 70% do financiamento necesario, isto suporá un investimento comunitario de máis de 10 millóns de euros entre o 2007 e o 2013. O Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e a Deputación serán as administracións que completarán o orzamento ata chegar aos máis de 15 millóns de euros de investimento total. O Ministerio de Economía e Facenda, a través da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios, será quen decida finalmente se Santiago de Compostela vai ser unha das cidades galegas incluídas dentro de Iniciativa URBANA 2007-2013.

Compartir: