ALCALDÍA

O foro España-Xapón reunirase en Santiago en outubro de 2008

31/01/2008 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, acudiu á Feira Internacional de Turismo, FITUR, para asistir aos actos convocados polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Previamente visitou, acompañado do concelleiro de Turismo, o stand de Galicia.

Sánchez Bugallo aproveitou a visita para saudar e departir co embaixador de Xapón, Motohide Yoshikawa, quen lle confirmou que o foro España-Xapón, composto por personalidades dos dous países, especialmente do mundo empresarial, interesados en compartir coñecementos para fomentar os intercambios comerciais e as relacións entre os dous países, reunirase en Santiago en outubro deste ano 2008.

Entre os puntos tratados na asemblea extraordinaria, os alcaldes do Grupo acordaron facer un estudio conxunto para facer unha ordenanza que regule as medidas anti-incendios nos cascos históricos.

De seguido, o Grupo de Cidades Patrimonio renovou o seu acordo con RENFE, que ten como obxectivo fomentar proxectos que promovan a viaxe a estas cidades en trens de alta velocidade e de longa e media distancia. RENFE e o Grupo fixeron entrega do seu premio aos gañadores dun concurso organizado por estas dúas entidades, consistente nun vale para un fin de semana en Santiago de Compostela e San Cristóbal de La Laguna, pois estes foron os destinos elixidos polos gañadores dun concurso organizado por estas dúas entidades.

O Grupo tamén ratificou o Acordo Marco de Cooperación con Turespaña, que pretende un impulso promocional nos mercados consolidados e a apertura a novos mercados europeos e transcontinentais; e asinou o Plan Anual de Actuación 2008 que contempla as actividades e accións a desenvolver durante este ano.

Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade
O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España creouse o 17 de setembro de 1993 e está formada por trece municipios repartidos por toda a xeografía, e que teñen en común ter sido distinguidas pola UNESCO con esta declaración, co obxectivo de actuar de maneira conxunta na defensa do patrimonio histórico e cultural destas cidades, así como o mantemento e fomento de determinadas formas de vida que estos núcleos históricos precisan.

Este grupo de cidades son: Ávila, Alcalá de Henares, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona e Toledo.

Compartir: