NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A orixe do Meco, en galego

31/01/2008 A Concellería de Normalización Lingüística vén de pór en marcha unha iniciativa coa fin de asociar os personaxes típicos da nosa cultura co uso da lingua galega. Por iso e, a propósito do Entroido, estanse a repartir 8.000 exemplares dun folleto lúdico-educativo sobre o Meco.

O folleto explica a orixe do Meco e ofrece información sobre o Entroido, con preguntas, respostas e debuxos para colorear e recortar. Estase a repartir en todos os centros de educación primaria, en tendas de disfraces e tamén nos obradoiros de Entroido organizados pola Concellería de Festas.

No documento recórdase que o Meco é o personaxe máis entrañable do Entroido compostelán. De carácter mullereiro, libertino e larpeiro, o Meco é bo coñecedor das nosas rúas e recunchos e colócase no alto do Pazo de Bendaña (na praza do Toural) como sinal de comezo de cada Entroido para ser incinerado ao final deste.

Parece que a orixe deste amante da troula aniña nunha lenda do século XV ou XVI. Segundo o padre Sarmiento, as súas trasnadas sucederon na vila mariñeira do Grove, onde o Meco exercía de crego, e a súa debilidade eran as mulleres. Foron precisamente estas as que o esganaron nunha figueira e despois, durante o xuízo, ante a pregunta de quen aforcara o Meco, os grovenses responderon: ¡Matámolo todos!

Compostela adoptou este personaxe con cara de porco como símbolo do seu Entroido e cada ano o Meco vístese cun traxe diferente facendo referencia a temas de actualidade: a Lei antitabaco, os incendios do ano 2006 e mais as inundacións... En 2008, o tema é a pertinaz seca.

Compartir: