UMAD

O xuíz de menores Emilio Calatayud dá unha charla a mozas e mozos composteláns

30/01/2008 Emilio Calatayud, xuíz titular do Xulgado de Menores número 1 de Granada, coñecido polas súas sentenzas educativas, estará en Santiago de Compostela o venres 1 de febreiro. Ás 10.30 horas manterá no Auditorio de Galicia un encontro cos medios de comunicación, no que estará acompañado pola concelleira de Benestar Social, Mar Martín. A continuación, sobre as 11.00 horas, ofrecerá unha charla sobre os dereitos e deberes dos novos no ámbito da Lei do Menor a un grupo de 240 alumnos de 3º e 4º da ESO dos diferentes centros educativos de Compostela.

Esta conferencia enmárcase nas actuacións que se desenvolven na área de prevención de drogodependencias do Concello e tanto a intervención do xuíz como as preguntas que xurdan serán recollidas nun DVD que será utilizado como material didáctico para os que non poidan asistir in situ ao acto.

A este encontro co xuíz Calatayud tamén asistirán profesionais de diferentes ámbitos cuxo labor está relacionado con menores: directores e orientadores dos centros educativos, o equipo de orientación específico da Coruña, profesionais do servizo de protección de menores, equipos de prevención e asistencial de drogodependencias do Concello, técnicos de servizos sociais, Garda Civil, Policía Local, Policía Autonómica e outros, que terán a oportunidade de reflexionar e intercambiar puntos de vista desde a súa perspectiva profesional.

Sentenzas exemplares
Emilio Calatayud logrou resonancia nos medios de comunicacións grazas a sentenzas como a que obrigaba a menores de Granada que se dedicaban a queimar papeleiras a traballar dous fins de semana cos bombeiros; ou a un mozo que circulaba bébedo en moto, a visitar parapléxicos que se rehabilitaban de accidentes de tráfico durante un día enteiro, falar coas súas familias e facer unha redacción. Outro caso: un adolescente que roubaba polo método do tirón permanece en liberdade vixiada tres anos durante os que ten que estudar mecánica e traballar para levar un soldo á súa casa.

No pobo de Darro, por exemplo, o único policía local, Antonio Morillas, ten dende hai uns meses un compañeiro de patrulla. Trátase dun menor detido reiteradamente por condución temeraria e sen permiso de circulación. Calatayud condenouno a 100 horas de servizo á comunidade, ademais de prohibirlle a condución de calquera vehículo durante seis meses. Co axente Morillas entregado tamén á causa rehabilitadora, empezan a verse os progresos do mozo. "Estase mellor no outro bando", chegou a admitir o pupilo. Así son as sentenzas de Emilio Calatayud: instrutivas, sinxelas, proporcionais e eficientes. Na súa opinión, todos os rapaces necesitan unha oportunidade que el está disposto a darlles.

Firme defensor da Lei do Menor, Emilio Calatayud considera que é un texto que ten moitas vantaxes, acorde co século no que estamos, pero que foi explicado de forma inadecuada.

Compartir: