ALCALDÍA

Investigadores da comunicación debaten en Santiago sobre os retos da súa disciplina

30/01/2008 O I Congreso Fundacional Internacional da AE-IC reúne en Santiago de Compostela a centos de profesionais da investigación en comunicación. Na Facultade de Ciencias da Información, entre o 30 xaneiro e o 1 de febreiro, debaterán sobre cuestións actuais que preocupan e afectan a este ámbito.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu á inauguración deste encontro, no que tamén estiveron o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño; a conselleira de Turismo, Ánxela Bugallo; e o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro.

Este congreso da Asociación Española de Investigación da Comunicación (AE-IC) ten a vontade de potenciar a investigación da comunicación no conxunto da política científica. Pretende facilitar a cooperación e crear redes de intercambio de información entre investigadores e, deste xeito, establecer unha política de cooperación con asociacións internacionais de investigación. Ademais, un dos obxectivos inmediatos da AE-IC é desenvolver dun modo teórico a Comunicación como disciplina e como campo de estudo no ámbito académico.

As políticas de comunicación, a sociedade da información, a produción de contidos, a democracia e a cidadanía, a investigación da comunicación en España ou a cooperación España-América Latina son algúns dos eixes temáticos deste encontro.

Compartir: