ALCALDÍA

Dúas mil novas vivendas protexidas para o 2008

28/12/2007 O alcalde amosouse satisfeito do labor da empresa municipal de vivenda Emuvissa, que celebrou o mércores 26 o último consello de administración do ano. Nel aprobouse o orzamento para o 2008, que ascende a 35 millóns de euros.

Sánchez Bugallo explicou en rolda de prensa o programa de traballo de Emuvissa para o 2008, concentrado "en finalizar a etapa vinculada ao Plan Xeral de Ordenación Municipal antigo" e congruente co carácter "social" da empresa municipal.

Emuvissa iniciará a construción de dous novos polígonos de vivenda protexida os vindeiros meses: os SUNP 7 e o 11. Así mesmo, está comezando a negociación cos propietarios dos terreos que conforman os SUNP 11, 12 e 5, onde se construirán unhas 950 vivendas. En total no 2008 crearanse 2000 vivendas de protección oficial, co que se acadará "a maior cifra de vivenda protexida da nosa historia", apuntou o alcalde. O 80% das vivendas que se constrúan en Santiago o próximo ano estarán promovidas desde Emuvissa, un feito "sen parangón en Galicia e España, que xerará moito emprego no sector da construción", aínda que, paradoxicamente "minguarán os ingresos municipais" por este motivo.

Doutra banda, en marzo ou abril de 2008 Emuvissa e o Concello sacarán a concurso conxuntamente "sete lotes para a construcción de vivendas protexidas de prezo de venda fixado que se adxudicarán ao mellor proxecto arquitectónico".

O alcalde dixo que no aspecto urbanístico "o 2008 será un ano de transición que dará paso a unha nova etapa no 2009: a do novo PXOM", cuxa actuación estará "concentrada na zona da Pulleira".

Bugallo tamén fixo referencia á aprobación da proposta de aumento do capital social de Emuvissa no pleno municipal celebrado o xoves 20 de decembro, que "expresa a fortaleza desta sociedade pública" que dispón de "máis do dobre de recursos e reservas que o propio capital social".

No pleno municipal do xoves aprobouse tamén o regulamento orgánico, que supón o cumprimento "dunha obriga legal", dixo, e do "compromiso electoral de transparencia", posto que obriga a especificar "o ingresos e o patrimonio dos concelleiros", de xeito que os cidadáns poderán "coñecer o seu rexistro de intereses a través da web municipal".

Por último, o alcalde quixo expresar o seu fondo pesar pola morte do deputado do PP de Galicia Xosé Cuíña.

Compartir: