MEDIO AMBIENTE

A Concellaría de Medio Ambiente anima a desfrutar do medio natural de Compostela durante as festas

28/12/2007 Os parques e zonas verdes da cidade, e de todo o concello, son excelentes espazos para desenvolver prácticas deportivas ou actividades físicas para manterse en forma. Esta práctica do exercicio físico resulta aínda máis necesaria en épocas como o Nadal, Fin de Ano e Reis, cando son máis habituais os excesos alimenticios.

En palabras de Elvira Cienfuegos, concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel: "a saúde depende da alimentación e do exercicio físico, é por todos sabido que nestas datas son frecuentes as comidas excesivas, xantares e ceas familiares, de empresa, de amigos,..." así pois "un xeito de compensar estes excesos é non descoidar e mesmo intensificar o exercicio físico".

Hábitos de vida saudábeis
Unha posibilidade recomendábel, sobre todo cando a meteoroloxía é favorábel, é practicar o exercicio físico ao aire libre en contacto coa natureza. Estas datas son un período no que, en xeral, se dispón de máis tempo libre e inclusive son un periodo vacacional para algúns sectores da poboación, como poden ser os estudantes. Son días especialmente propicios para aproveitar o tempo de lecer descubrindo e desfrutando das zonas verdes de Santiago.

As alternativas son moi numerosas:

•paseos polas ribeiras do Sarela, polo Monte Pedroso ou polos parques de Vite ou do Restollal;

•ximnasia nos parques nos equipamentos do Parque Eugenio Granell e do Parque da Constitución (nas traseiras do Parlamento), neste último mesmo con aparellos adaptados às persoas maiores;

•práctica do tenis nas pistas situadas no Parque Compostela (frente a estación de autobuses);

•xogos de chave que se poden practicar no parque infantil da Carballeira de San Lourenzo, no Parque Alexandre Bóveda en Vite, ou no Parque de Galeras onde existen unhas pistas cubertas;

•práctica do skate nas pistas habilitadas no parque Eugenio Granell ou nas do parque da Constitución;

•xogos de tenis de mesa no Parque da Música en Compostela (Pelamios);

•partidos de baloncesto, ou simplemente ensaiar uns tiros a canastra no Parque Alexandre Bóveda, nas Fontiñas (na zona verde entre a Rúa de Estocolmo e Rúa do Valiño) ou no Parque Luís Pasín de Conxo;

•encontros de fútbol nos campos da Almáciga, de Belvís ou nas áreas de lecer de Santa Lucía, Cesar ou Busto;

•ou calquera outra práctica deportiva (futbito, baloncesto, patinaxe,...) nas pistas multiusos habilitadas en distintas zonas axardinadas da cidade como Galeras, Vite, Brandía,... ou en áreas recreativas do rural como as de Cesar, A Gracia, A Peregrina, Aríns,...

Todos as accións que Elvira Cienfuegos desenvolve desde o seu departamento están encamiñadas á conservación do medio ambiente e a procura dun desenvolvemento sustentábel que mellore a calidade de vida en Santiago. Nesta liña de actuación é onde se encadra a posta en valor das zonas verdes de Compostela, algunhas pouco intervidas e outras axardinadas. Unhas áreas para o lecer e o desfrute da natureza que están ao servizo de toda a cidadanía de Compostela.

Compartir: