CONSORCIO

O Consorcio de Santiago recibe do Ministerio de Economía e Facenda o edificio do Banco de España, valorado en máis de 4 millóns de euros

27/12/2007 O alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, manifestou trala reunión do Consello de Administración do organismo interadministrativo que o Ministerio de Economía e Facenda do Goberno Central tansferiu a propiedade do edificio do antigo Banco de España ao Consorcio coa finalidade de convertelo no Museo das Peregrinacións e de Santiago.

O protocolo de colaboración, polo que o Ministerio se compromete a formalizar, dentro dos próximos seis meses, esta aportación mediante a correspondente escritura pública a nome do Consorcio de Santiago, foi asinado pola subsecretaria do Ministerio de Economía e Facenda, Juana Mª Lázaro Ruiz, e o presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo.
En virtude do acordo, a aportación do Estado ao Consorcio para 2008 será de case 12 millóns e medio de euros, que se desdobra nunha cantidade monetaria de 8.118.532 euros e nunha aportación en especie de 4.292.367 euros que corresponde á tasación do edificio do antigo Banco de España.
Deste xeito, a transferencia da Administración do Estado para o ano que ven será da cantidade mencionada de 8.118.532 euros, que equivale ao 60% dos ingresos presupostarios totais do Consorcio; 6.490.930 euros por parte da Xunta de Galicia, que supoñen un 30%; e 1.652.783 euros que aportará o Concello, equivalente a un 8%. O que representa un orzamento total do Consorcio para 2008 de máis de 16 millóns e medio de euros.

Gasto por Programas
Tendo en conta que as actuacións do Consorcio de Santiago están dirixidas á preservación e revitalización do patrimonio cultural, representado pola cidade nos seus aspectos histórico-artísticos e arquitectónicos; así como á difusión dos valores europeístas e ao desenvolvemento e potenciación das actividades turísticas e culturais, o Consello de Administración acordou un presuposto para 2008 que abrangue fundamentalmente tres programas, seguindo a liña de desenvolvemento da programación plurianual establecida entre o presente ano e o 2010.
Estos tres grandes programas que está a levar a cabo o Consorcio son o de Información, Estudo e Interpretación da Cidade Histórica, o Programa de Recuperación Urbana e o Programa de Dinamización Turístico-Cultural.

1.- Programa de Información, Estudo e Interpretación da Cidade Histórica
Dentro deste primeiro programa cómpre destacar catro accións importantes, destinadas á creación do Sistema de Información Patrimonial da Cidade Histórica; á implantación do Observatorio Urbano; ao desenvolvemento do Programa de Publicacións e Estudos; e á creación do Museo de Historia da Cidade dentro do marco do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Catro liñas de actuación dun mesmo programa para o que se destina un total de 1.155.456 euros.

2.- Programa de Recuperación Urbana
Este programa engloba distintas accións de rehabilitación de vivendas, para o que se destina a cifra de 1.175.000 euros no 2008; as actuacións en espazos públicos, que contarán cun orzamento de 1.400.000 euros, concentradas no mantemento de enlousados e na intervención de parques e zonas verdes; e á restauración de monumentos, para o que se destina 1.525.000 euros, que abrangue a próxima adecuación da Casa do Deán como Oficina do Peregrino, entre outros.
As actuacións do Consorcio en materia de recuperación urbana van ligadas a procesos de formación xa en marcha como son o Obradoiro de Proxectos, na propia sede do Consorcio, e que está formado por 4 arquitectos e 2 aparelladores, así como polo Obradoiro de Canteiría, incorporando como acción propia a xa coñecida Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación.
Este programa de Recuperación Urbana compleméntase coas accións xa emprendidas este ano coa Axencia Española de Cooperación Internacional, que outorgará bolsas a arquitectos iberoamericanos para a súa incorporación ao Obradoiro de Proxectos do Consorcio, e coa dotación do Premio Internacional Santiago de Compostela de Cooperación Urbana, dotado con 180.000 euros.
O total de recursos dedicados ao Programa de Recuperación Urbana acada a cifra de 5.248.449 euros, o que supón un 32% dos gastos totais do Consorcio para o 2008.

3.- Programa de Dinamización Turístico-Cultural
Neste apartado consolídase o proxecto da Real Filarmonía de Galicia e da Escola de Altos Estudos Musicais, apoiando un programa de Música de Cámara, xa iniciado no 2007. Tamén se potencian outros proxectos que tiveron unha ampla repercusión social como o Programa de divulgación científica ConCiencia e o Festival de Músicas Contemplativas para o período de Semana Santa.
Ao mesmo tempo tamén se prevé o inicio da construcción na Finca de Vista Alegre dun novo edificio para albergar o Museo "Luis Iglesias" de Historia Natural da Universidade de Santiago.
Para este programa de dinamización turístico-cultural destináronse 8.697.163 euros, o que supón o 52% dos gastos presupostados para 2008.

Compartir: