MEDIO AMBIENTE

O Consello Municipal de Medio Ambiente impulsará o desenvolvemento da Axenda 21 Local

30/11/2007 No Pleno do día 29 de novembro a Corporación municipal de Compostela aprobou a designación de membros do Consello Municipal de Medio Ambiente. Este órgano será presidido pola concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Elvira Cienfuegos.

A concelleira manifestou a súa intención de dar un pulo ao Consello Municipal de Medio Ambiente. Concíbese o Consello como a principal estrutura orgánica para o contraste de opinións entre os diferentes axentes implicados na sustentabilidade, como o eixo vertebrador da participación cidadá na política municipal.

A primeira reunión do Consello de Medio Ambiente será convocada para o día 12 de decembro, ás 20:00 horas, no Auditorio de Galicia. Nese día constituirase o órgano e aprobarase o plano de traballo para os próximos meses. Este plano de traballo marcarase como obxectivo fundamental o desenvolvemento da Axenda 21 Local.

A Axenda 21 Local é un pacto social para a sustentabilidade que integra os sectores público, privado e social en redes para o desenvolvemento de estratexias sutentables de mellora. Actualmente está realizado xa un diagnóstico do concello que identifica as dinámicas máis insustentables. Cómpre agora elaborar un "plano de acción" con programas que permitan camiñar por boas practicas ambientais cara a un desenvolvemento equilibrado.

Para Elvira Cienfuegos, este "plano de acción" debe atender non só ao Medio Ambiente, senón tamén á equidade social. Por iso manifesta que "non se trata de conservar só o Medio Ambiente senón tamén de que o acceso aos recursos sexa igualitario".

Un plano que será máis efectivo canta maior sexa a participación por parte da cidadanía compostelana. Por iso, a Concelaría estima necesario que se impliquen o maior número de actores sociais posibles, dende institucións públicas a entidades privadas (asociacións ecoloxistas, empresas privadas, ou asociacións de outros ámbitos) ademais da implicación dos veciños e veciñas nas súas vida cotiá.

Estrutura e funcionamento
O Consello Municipal de Medio Ambiente é un órgano colexiado de participación cidadá, asesoramento, consulta, proposta, información, comunicación e debate. Este Consello é un dos que conta con unha representación cidadá máis diversa e numerosa.

O Consello pode informar e ser informado sobre temas específicos do sector e propoñer alternativas concretas aos problemas existentes na área de medio ambiente. Ou mesmo, emitir informes, por iniciativa propia ou do Concello, sobre materias das súa competencia.

O Pleno deste Consello estará presidido por Elvira Cienfuegos e será integrado por representantes das asociacións ecoloxistas, dos grupos municipais, dos técnicos do Concello, dos grupos de defensa dos animais, das asociacións de consumidores, das asociacións veciñais, das asociacións xuvenís, das asociacións empresariais, dos sindicatos de clase, dos sindicatos agrarios, da Universidade, da Consellaría de Medio Ambiente e tamén por dous expertos en temas medio ambientais.

Compartir: