CONSORCIO

Máis de 4.000 persoas visitaron a exposición "Galicia no gravado antigo"

30/11/2007 Dende a súa inauguración o 19 de outubro, máis de 4.000 persoas achegáronse á exposición "Galicia no gravado antigo", unha mostra da Colección Puertas Mosquera, que recolle unha das mellores coleccións privadas de gravados que existen sobre Galicia. Organizada polo Consorcio de Santiago, en colaboración coa Universidade Compostelá e a Fundación Caixa Galicia, a mostra pecha as súas portas o domingo 2 de decembro.

Trátase de 270 gravados seleccionados do século XIX, dos que unha parte moi importante corresponden á cidade de Santiago de Compostela. Precisamente presentouse xa o voluminoso catálogo que reúne os 799 gravados que conforman a colección de Carmelo Puertas. Todo un acontecemento editorial posto que se trata dunha edición de luxo.

A exposición Galicia no gravado antigo vén a cubrir deste xeito un baleiro existente no coñecemento sobre o gravado de temática galega, especialmente porque nela están representadas todas as técnicas do gravado como augafortes, xilografías, litografías, augatintas, tallas doces (puntas secas, ao aceiro), etc.

En conxunto, ou individualmente considerados, estes gravados constitúen o reflexo da súa época. Ao carácter artístico cómpre engadir o seu valor histórico e documental.

Compartir: