EDUCACIÓN

Premio educativo para un método de traballo da lóxica matemática nas aulas

30/11/2007 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, fixo entrega dos V Premios Educacompostela 2007. Estes galardóns teñen por obxectivo recoñecer, promover e difundir aqueles materiais educativos que poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e renovación pedagóxica.

O xurado decidira o 3 de outubro que o primeiro premio fora para a proposta "Como traballar a lóxica matemática a partir das rutinas da aula", elaborada por profesorado de distintos centros da comarca: María Blanco Corral (CRA de Teo – Bamonde), Mª Dolores González Marquina (CRA de Teo – Oza) , Manuel Ángel Masaguer Rodríguez (CRA de Teo – Campos), Mª Ángeles Pousa Díaz (CRA de Teo – Aido), Nuria Fernández Fariñas (CEIP de Laredo – Redondela), Mª José Iglesias Valiño (CEIP Figueroa – A Estrada), Begoña López Fernández (CEIP de Portonovo), Mª Nora Pousa Díaz (CEIP A Ramallosa – Teo) e Susana Viqueira Cobas (CEIP Pérez Viondi – A Estrada).

Recibiron un premio de 1.200 euros por un proxecto que "axuda aos nenos no proceso de coñecemento do seu contorno. A súa é unha proposta interactiva e lúdica que facilita o achegamento dos máis pequenos a unha materia como as matemáticas.

O segundo premio, dotado con 900 euros, recaeu no "Programa de acollida para o alumnado estranxeiro", realizado por profesores do IES Eduardo Pondal. Estivo coordinado por Susana Marina Blanco Baluja e integrado por Rita Amigo Seisdedos, Concepción Abuín Méndez, Marián Arauxo Muíños, Mª Isabel Barreiro Gundín, Valentín Castellano Méndez, Mercedes Espiño Amil, José Mosquera Almuíña, Mª Isabel Pereiro Raposo, Mª Jesús Ríos Creo e Ana Formoso Remesar. O xurado recoñeceu neste traballo o seu "carácter socializador contra a xenofobia e o fracaso escolar".

Óscar Sánchez Vidal, do IES Portovello de Ourense recolleu o terceiro premio polo seu traballo "Nova antoloxía latina". No mesmo, a través de refráns, textos latinos ou epigráficos, facilítase a aprendizaxe dunha lingua como o latín en perigo de esquecerse. Tamén houbo unha mención especial para o proxecto "Árbores que arrolan poemas" presentado por todo o profesorado do CEIP Ramón Cabanillas.

Acompañaron ao alcalde nesta entrega de premios a concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, e o presidente da Nova Escola Galega, Xosé Lastra.

Compartir: