ALCALDÍA

O PXOM, tema central do segundo número da Publicación de Información Municipal

30/06/2005 A nova publicación, realizada polo gabinete da Alcaldía, ten unha tiraxe de 52.000 exemplares, que serán repartidos na sala de exposicións do PXOM, no Pazo de Fonseca, e enviados aos domicilios dos cidadáns.

O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo presentou o segundo número da Publicación de Información Municipal de Santiago de Compostela, que nesta edición presenta un monográfico sobre o PXOM, co fin de "facilitar a súa comprensión por parte dos cidadáns", segundo explicou. Se ben esta publicación non dá contestación ás dúbidas puntuais de cada cidadán, si permite "obter unha visión global do Plan", comentou Sánchez Bugallo.

A revista repartirase gratuitamente na sala de exposicións do PXOM, no Pazo de Fonseca, e ademais será enviada aos domicilios dos veciños de Santiago. Cunha tiraxe de 52.000 exemplares, finánciase case na súa totalidade por anunciantes.

A respecto do PXOM, Sánchez Bugallo declarou que no vindeiro mes iniciaranse unha serie de reunións sectoriais co maior número posíbel de colectivos sociais para expoñer e debatir o plan ao longo do próximo mes, entre outros, co Consello de Relacións Veciñais, os colexios profesionais de arquitectos e enxeñeiros, a Cámara de Comercio, asociacións profesionais, etcétera. Na opinión do alcalde "nunca houbo en Santiago un proceso de información pública tan aberto e transparente e con tanta documentación coma este".

Compartir: