TURISMO

Air Berlín conectará a Compostela con Alemaña, Suíza e Austria

29/06/2005 Tralos contactos mantidos por Turismo de Santiago e Air Berlín, a liña alemana de baixos custes anuncia o inicio de operacións no aeroporto de Lavacolla para o 1 de novembro deste ano.

A capital galega, que se converte desta maneira no duodécimo destino de Air Berlín na península española, quedará conectada en voos diarios vía Palma de Mallorca con cidades como Berlín (aeroporto de Tegel), Colonia, Düsseldorf, Hannover, Hamburgo, Munich, Nürenberg, Paderborn/Lippstadt, Stuttgart, Zürich e Viena.

Outras conexións adicionais desde Palma de Mallorca permitirán enlazar con voos procedentes de Münster/Osnabrück, Frankfurt e Leipzig/Halle.

Os voos poden reservarse desde agora na páxina web de Air Berlin, na Central de Reservas (tel. 901 116 402) ou en axencias de viaxes. Partindo dos 29 euros que custa o traxecto ata Palma de Mallorca, os mellores prezos a Alemaña, Austria e Suíza roldan os 45 euros por traxecto, o que deixa o billete de ida e volta nuns 118 euros, taxas incluídas.

Air Berlín opera desde 1979 entre Alemaña e Palma de Mallorca, que segue sendo o destino máis importante da súa rede con máis de 200 voos semanais e unha ponte aérea (o ‘Mallorca Shuttle’) que sae a diario de 12 aeroportos alemáns. As Illas Canarias, Alacante, Almería, Málaga e Xerez da Fronteira son desde hai tempo parte dos seus itinerarios, ampliados en 2002 coa introducción do ‘Euro Shuttle’ que conecta a cidades europeas como Amsterdam, Barcelona, Budapest, Londres, Madrid, Manchester, Milán, Roma, Southampton, Viena e Zurich.

Compartir: