CENTROS SOCIOCULTURAIS

Os centros socioculturais instalan a Bibliopiscina no Multiusos do Sar

29/06/2005 O venres 1 de xullo poñerase en marcha este programa, que achega aos usuarios das piscinas unha selección de libros, guías, cómics, xogos e pasatempos

O venres, ás 12 da mañá, a concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón presentará nas piscinas do complexo deportivo Fontes do Sar a carpa que alí instalou a biblioteca "José Saramago" dos Centros. No seu segundo ano de vida, a Bibliopiscina conterá unha selección de libros, guías de viaxes e de saúde, cómics, xogos e pasatempos para contribuír ao lecer dos usuarios das piscinas.

O horario será de 17 a 20.30 horas de martes a sábado. Permanecerá aberta nos meses de xullo e agosto e despedirase cunha festa o 3 de setembro. Os materiais, libros e xogos, poderán collerse en préstamo ata o final do día dentro do recinto das piscinas deixando un carné como sinal. Segundo a experiencia do ano pasado, os usuarios máis interesados son os nenos e o material máis atractivo son os cómics, albumes para nenos, xogos didácticos e xogos tradicionais.

En canto aos fondos, a Biblioteca e as Aulas de Xogo dos Centros Socioculturais poñerán a disposición dos usuarios uns 300 libros e 50 xogos, que se irán renovando nos dous meses en que vai permanecer aberta a Bibliopiscina.

Compartir: