CENTROS SOCIOCULTURAIS

Compostela únese unha campaña máis á Olimpiada Solidaria de Estudo

31/10/2007 A V OIimpiada Solidaria de Estudo terá lugar entre o 5 de novembro e o 5 de decembro de 20007. Os centros socioculturais da Trisca, Conxo, Vite e Fontiñas, así como 12 centros universitarios participarán nesta campaña en Compostela. A nosa cidade é a que máis salas habilitará en Galicia, e a nosa comunidade é a que máis achega no conxunto de España (169) tras Madrid.

Este ano igual que nas pasadas edicións participará xuventude de España, de Bélxica, Costa de Marfil e Burundi. E como novidade desta edición únese ao estudo solidario a xuventude de Italia. Calcúlase que nesta V edición estudarán máis de 12.500 mozos nas 250 salas de estudo repartidas polos países participantes: España, Bélxica, Italia, Costa de Marfil e Burundi.

Co esforzo de tódolos estudantes solidarios espérase acadar as 170.000 horas de estudo, que se transformarán en 170.000 euros para o financiamento de catro proxectos educativos: Escola Infantil "Minzoto", no Congo (construción do edificio definitivo da escola de educación infantil para nenos e nenas de Kinshasa); Bancos Comunais, en Guatemala (para conceder micro-créditos e capacitar profesionalmente ás mulleres maias do altiplano guatemalteco); e Equipamento dos talleres técnicos das catro escolas "Mains Ouvertes", en Haití; e Apoio escolar e equipamento dun Centro Cultural en Xerusalén.

Na V Olimpíada Solidaria de Estudo participarán, un total de 64 localidades e máis de 169 salas de estudo de toda España. Hai cidades que, polo de agora, só contan con salas nas asociacións xuvenís ou en colexios maiores, pero a maioría, están nas bibliotecas municipais, universidades, institutos e centros socioculturais.

Cambio das horas de estudo
Os mozos e mozas poden acudir a estudar ás salas habilitadas para a Olimpiada e seren así estudantes solidarios. As súas horas de estudo están patrocinadas por institucións públicas e empresas privadas que achegan 1 euro por cada unha delas.

Todo aquel que desexe participar debe achegarse a unha das salas de estudo solidarias habilitadas para a actividade e dirixirse ao voluntario encargado da sala que lle collerá os datos, inscribirao na Olimpíada e entregaralle o seu pasaporte de estudo solidario para así levar a conta das horas, iguais a euros acadados co seu esforzo no estudo.

Despois de facer a inscrición terá que decidir canto tempo vai estudar e o voluntario entregaralle o correspondente papel moeda ( hai papel moeda de 1 hora = 1 € e de 1 hora e media = 1,5 €). Ao remate o voluntario comprobará o papel moeda, selarao e meterao na urna, anotará as horas no pasaporte de estudo e cubrirá as follas de control. Logo introducirá os datos da sala na plataforma online creada no sitio www.olimpiadasolidaria.com, o que permitirá coñecer día a día a evolución da actividade.

A Olimpiada é unha innovadora acción de educación ao desenvolvemento e sensibilización á solidariedade. A idea xurdiu dos voluntarios da ONGD española, COOPERA - Jóvenes para la Cooperación al Desarrollo, e foi organizada por primeira vez no 2003 na cidade de Logroño.

Compartir: