CULTURA

O Premio"Antonio Fraguas" renova o seu compromiso co coñecemento do traxe galego

31/10/2007 A Asociación do Traxe Galego convoca a XIII edición do Premio de investigación "Antonio Fraguas" sobre o traxe tradicional galego, o único destas características que se realiza en Galicia. Os gañadores coñeceranse na primeira quincena do mes de decembro e recibirán o seu premio nun acto no Salón Nobre de Raxoi.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Pilar Domínguez, presentaron esta convocatoria. Esta última amosouse un ano máis "entusiasta" co traxe e expresou o seu desexo de que "cada vez se fagan e se luzan máis traxes".

Haberá dous premios: un para os traballos descritivos, cunha dotación de 600 euros, e outro para os analíticos, con 1.200. Este último galardón é financiado integramente polo Centro Comercial Compostela, que un ano máis colabora co certame.

Os descritivos son aqueles que, recuperando traxes, especificarán cuestións como a materia na que están feitos, o lugar onde se atoparon e no que están actualmente ou a época da que son. Os traballos analíticos achegarán máis elementos de investigación sobre a súa procedencia e elaboración, e mesmo sobre as crenzas e valores relacionados co traxe e a súa influencia en ámbitos relixiosos, económicos, políticos ou sociolóxicos.

O xurado estará composto por Xosé Manuel Reboredo, do Consello da Cultura Galega, Ana Blanco Gómez, da Fundación Rosalía de Castro; Felipe Senén López Gómez, da Deputación da Coruña; e Xesús Ferro Ruibal, do Centro Ramón Piñeiro. A entrega dos galardóns realizarase nun acto na Casa do Concello.

Compartir: